Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os candidatos á alcaldía de Ourense votan con chamamentos á participación

Os candidatos á alcaldía de Ourense votan con chamamentos á participación

O máis madrugador foi o candidato á reelección, Gonzalo Pérez Jácome, que inaugurou a urna que lle correspondía, no colexio da Purísima

G24.gal 28/05/2023 14:21

O candidato socialista á alcaldía de Ourense, Francisco Rodríguez, apelou ao valor da democracia nesta xornada electoral.

Francisco Rodríguez, candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Ourense: "O da democracia, eu creo que é coma o amor: hai que alimentalo. Se non se alimenta igual se estropea. Por iso eu, sobre todo ás novas xeracións, dígolles que é fundamental mimar a condición de demócratas que temos".

Manuel Cabezas, candidato do Partido Popular, fixo un chamamento a unha participación masiva que ampare os resultados.

Manuel Cabezas, candidato do PPdeG á alcaldía de Ourense: "Que a xente vote, canta máis xente vote, mellor, porque quen saia elixido como resultado desta votación vai ser como consecuencia dunha masiva participación e iso sempre é bo".

Para Gonzalo Pérez Jácome, candidato á reelección por Democracia Ourensana, é o momento de que falen os cidadáns a través dos seus votos.

Gonzalo Pérez Jácome, candidato de DO á alcaldía de Ourense: "Porque, se non votamos, o que facemos é que os demais escollan por nós. Pido que todo o mundo exerza este dereito tan importante de que o pobo fale. É o momento de que falen os cidadáns, as persoas, os que vivimos nesta cidade".

O candidato nacionalista Luis Seara insistiu en que o destino dos ourensáns está nas súas propias mans.

Luis Seara, candidato do BNG á alcaldía de Ourense: "Que veñan votar porque hoxe é un día transcendental para o futuro do concello, no que se pode abrir un tempo novo, unha fiestra de esperanza e de ilusión".

Seguirán os resultados desde os locais dos seus respectivos partidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade