Publicador de contidos
Publicador de contidos

Xa están listas as carrozas dos Reis Magos feitas nun taller en Ourense

Xa están listas as carrozas dos Reis Magos feitas nun taller en Ourense

A empresa ourensá Totality Group fabricou este ano 97 carrozas, practicamente todas as das cabalgatas das vilas e cidades galegas

Están cheas de cor e luces para abraiar os máis pequenos

Do taller saíron as carruaxes en que pasearán os Reis Magos en cidades como Vigo, Santiago e Ourense 

A empresa Totality Group construíu este ano 97 carrozas
G24.gal 04/01/2022 13:16

Os Reis Magos veñen de Oriente, pero as espectaculares carruaxes en que pasearán polas diferentes vilas e cidades galegas saen case todas dun taller situado no polígono industrial Barreiros, en Ourense. 

Xornada de moita actividade na véspera de Reis. Despois de máis de catro meses de traballo neste taller de Ourense só quedan os últimos detalles na montaxe das carrozas dos Reis Magos: Melchor, Gaspar e Baltasar. Todo está listo xa para a súa chegada ás distintas vilas e cidades galegas.

"Estamos xa no día previo e practicamente montadas en toda Galicia e nalgún sitio máis de España. Temos case 100 carrozas este ano na rúa", explica Juan José rodríguez, o mestre carroceiro da empresa Totality Group, que leva máis de 30 anos deseñando e construíndo as carrozas para as cabalgatas de Reis 

Este ano fabricaron 97 carruaxes diferentes, que comezan a deseñarse xa no mes de agosto e que constrúe e monta un equipo de máis de 30 persoas.

"Empezamos a facer os deseños, facemos deseños en 3D con infografía para que se vexan as carrozas deste todos os puntos de vista, e despois empezamos a fabricación a partir de outubro e novembro, e xa aí montaxe unha detrás doutra. Os materiais que utilizamos son con moita cor porque están dedicadas para os nenos", conta o artesán. 

Moita cor e luces e temáticas diferentes

Moita cor e luces para abraiar as nenas e os nenos nun dos días máis especiais do ano para eles. As temáticas son moi diversas ao gusto de cada concello. Unha das cabalgatas máis espectaculares será a de Vigo, inspirada no mundo das novelas de Julio Verne.

"A cabalgata de Vigo vai relacionada con Julio Verne e hai carrozas moi espectaculares, porque hainas de 14 metros. Hai temáticas moi variadas, do mundo da maxia... os (Reis) Magos son magos e van facer maxia en moitas cidades", asegura o carroceiro Juan José Rodríguez. 

E haberá maxia e moita imaxinación mañá pola tarde nas rúas e tamén en moitos polideportivos de toda Galicia, porque este ano por mor da pandemia as cabalgatas dos Reis Magos serán un pouco máis estáticas, pero igualmente impresionantes.

O mestre carroceiro Juan José Rodríguez leva máis de 30 anos fabricando carrozas
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade