Publicador de contidos
Publicador de contidos

Xaneiro deixa 60.400 parados máis en España co remate da campaña do Nadal

Xaneiro deixa 60.400 parados máis en España co remate da campaña do Nadal

En Galicia, o paro sobe en 1.597 persoas ata os 131.101 desempregados, un 9,62 % menos que hai un ano 

G24.gal 02/02/2024 09:25 Última actualización 02/02/2024 19:35

Segundo os datos publicados este venres polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, xaneiro deixa 60.404 parados máis co fin da campaña do Nadal e 231.250 afiliados menos de media á Seguridade Social. 

Este descenso do emprego, centrado na hostalería e o comercio, é o máis elevado para un arranque de ano desde 2020, e deixa o total de afiliados en 20,6 millóns.  Con todo, é unha das subas máis moderadas para ser un mes de xaneiro con  2.767.860 persoas rexistradas nas Oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

En termos interanuais, o paro rexistrou un descenso de 140.537 persoas, mentres que a afiliación avanza en 523.537 persoas. 

Aumenta o desemprego nos servizos e entre os mozos 

Por sectores, o incremento do paro concentrouse entre os traballadores que proviñan dos servizos (58.721 desempregados máis), cunha escasa achega da agricultura (1.256 máis) e a industria (440 máis), así como do colectivo sen emprego anterior (1.221 máis). Pola contra, o paro diminuíu na construción, en 1.234 persoas. O paro feminino aumentou en 41.904 mulleres, ata os 1,6 millóns de desempregadas, en tanto que o masculino sumou 18.500 homes, ata rozar os 1,11 millóns. Entre os mozos, o desemprego incrementouse en 7.189 persoas ata os 201.154, a cifra máis baixa para un mes de xaneiro da serie histórica.

O paro aumenta en todas as comunidades menos nas Baleares 

Por comunidades, o paro aumentou en todas as comunidades menos nas Baleares. Os maiores incrementos rexistráronse en: Andalucía (20.077), Madrid (9.646) e na Comunidade Valenciana (4.363).

En Galicia subiu un punto menos que a media. O número de parados rexistrados nas oficinas galegas dos servizos públicos de emprego subiu en 1.597 persoas en xaneiro, en relación co mes anterior tras o fin da campaña de Nadal, o que supón un aumento do 1,23 % fronte ao 2,23% rexistrado a nivel nacional.

Segundo os datos publicados este venres polo Ministerio de Traballo e Economía Social, Galicia conta na actualidade cun total de 131.101 desempregados, 13.937 menos que en xaneiro de 2023, o que representa unha caída do 9,62 % nun ano. Este descenso tamén é superior ao rexistrado a nivel estatal, cunha baixada interanual do 4,83 %.

Por provincias, foi A Coruña onde máis creceu o paro, con 696 desempregados máis en xaneiro, un 1,34 % máis. Con todo, no último ano reduciu as súas cifras en 5.733 persoas, ata 52.563 parados, un 9,83 % menos. En Lugo hai na actualidade 12.820 persoas sen emprego, 435 máis que hai un mes (+3,51 %), pero 1.005 menos que hai un ano (-7,27 %). Situación similar viviu Ourense, con 15.387 parados, un 367 máis que en decembro (+2,44 %) e 1.191 menos que en xaneiro de 2023 (-7,18 %). Na provincia de Pontevedra hai na actualidade 50.331 desempregados, 99 máis que en decembro (+0,2 %), e 6.018 menos que hai un ano (-10,68%). Do total de parados galegos, un 57,9% é muller e un 3,96 % ten menos de 25 anos.

 Maiores caídas do emprego en hostalería e comercio

En canto ao emprego, por actividades, os maiores descensos da afiliación déronse en hostalería, 46.594 ocupados menos, seguidos de comercio cun caída de 45.093 afiliados e de actividades administrativas e servizos auxiliares, cun retroceso de 42.552 ocupados. O descenso da afiliación foi algo maior entre as mulleres, 119.879 ocupadas menos ata os 9,73 millóns, que entre os homes cunha caída de 111.371, ata os 10,86 millóns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade