Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa pola súa obra 'Virtudes (e misterios)'
Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa pola súa obra 'Virtudes (e misterios)'
Desde o 2003 non se premiaba un libro en galego
O betanceiro Xesús Fraga é dende hoxe Premio Nacional de Narrativa co seu libro Virtudes (e misterios), sobre a pegada da emigración na vida da súa familia. Aínda en choque e co teléfono a piques de estoupar, está feliz, sobre todo, porque desde 2003 o premio non recaía nun libro en galego.
Aínda a media tarde, na libraría do seu barrio, o betanceiro Xesús Fraga seguía en choque desde que recibiu unha chamada no traballo de nada menos que o propio Ministro de Cultura para comunicarlle que é o flamante Premio Nacional de Narrativa deste ano.
Xornalista, tradutor e escritor, el mesmo traduciu ao castelán o seu libro "Virtudes e misterios" co que mereceu o galardón dotado con 20 mil euros. Un libro emocional que recrea a epopea familiar da emigración, personificada na súa avoa Virtudes, que lle levou 12 anos de traballo.
Contento, emocionado e atordado, Xesús é hoxe unha mestura de sentimentos aos que se lles engade a fachenda de conseguilo cun libro en galego.
Desde que se publicou en 2020, a novela sobre a avoa Virtudes está a ser todo un éxito, sobre todo entre os seus paisanos de Betanzos. Para Xesús é un soño incrible.