Xi Jinping comeza hoxe unha visita de tres días a Rusia
Xi Jinping comeza hoxe unha visita de tres días a Rusia
Moscova interesada no xantar informal que Putin e Xi celebrarán hoxe, luns, e no que poderán falar "cara a cara"
A cooperación militar tamén será un dos temas para tratar na axenda entre dous países que describen como estratéxica a súa relación política e económica
O presidente chinés Xi Jinping chega hoxe a Rusia, na súa primeira visita ao exterior desde a súa reelección para un histórico terceiro mandato á fronte do xigante asiático, co fin de reunirse cun dos seus principais aliados, o xefe do Kremlin Vladimir Putin.
Putin e Xi falarán, entre outras cousas, das tensións con Occidente, especialmente cos Estados Unidos, e o conflito en Ucraína, no que Pequín parece disposto a interceder, xa que tradicionalmente tamén mantivo unhas boas relacións con Kiev.
A iniciativa de paz que A China presentou hai unhas semanas non satisfixo a ningún dos dous bandos e tampouco a Occidente, pero colocou a Xi nun rol de mediador, que tamén xogou exitosamente entre dous países aparentemente irreconciliables como Arabia Saudita e Irán.
O líder chinés chega a Moscova ao día seguinte de que Putin visitase por primeira vez Ucraína, concretamente o porto de Mariupol, na rexión de Donetsk, desde o inicio da coñecida como operación militar especial en febreiro de 2022.
A reunión aberta ao público terá lugar o martes no Kremlin, nunha cerimonia en que ambos os mandatarios abordarán asuntos da axenda bilateral e internacional e asinarán varios acordos importantes, tras o que ofrecerán unha conferencia de prensa.
Con todo, segundo admitiu o Kremlin, o que realmente interesa a Moscova é o xantar informal que Putin e Xi celebrarán hoxe, luns, e no que poderán falar "cara a cara" do que consideren conveniente, sen presión mediática ningunha.
“Prestamos especial atención a esa conversación pechada (ao público) e informal. Durante esta, discutiranse os temas máis clave e sensibles”, precisou Yuri Ushakov, asesor do Kremlin para asuntos internacionais.
Ushakov destacou que Moscova aprecia a postura moderada de Pequín con respecto á campaña militar rusa en Ucraína, con cuxo líder, Volodimir Zelenski, Xi ten intención de conversar por videoconferencia tras a súa visita a Rusia.
Os ministros de Exteriores e Defensa rusos e chineses participarán nas negociacións, xa que a cooperación militar tamén será un dos temas para tratar na axenda entre dous países que describen como estratéxica a súa relación política e económica.
Non en balde Moscova e Pequín colaboran en todas as organizacións internacionais e os seus intercambios comerciais achéganse xa aos 200.000 millóns de dólares.