Xinzo colga o seu meco á véspera do Domingo Oleiro
Xinzo colga o seu meco á véspera do Domingo Oleiro
O seu periplo polas rúas de Xinzo rematará na Praza Maior, onde é colgado
Abrindo paso, o touro, guiado polo home da guillada.
"Pois pegar un pouco do bicho porque se non o bicho desmándase dunha maneira que é capaz de facer calquera loucura. Eu trato, dentro do que podo, de controlalo un chisquiño, non máis".
Tras eles, as corozas.
"É un traxe tradicional galego que está feito de xuncos e era o que utilizaban os nosos antepasados para protexerse da chuvia".
E centos de limiaos e visitantes ataviados como hai un século, cando a única luz que iluminaba as rúas, era a dos fachós.
"Ten unha historia de que antes a xente de Baronzás viña cos fachós ao Entroido de Xinzo e traían o meco, entón por iso facemos unha chiscadela a esa xente e rememoramos eses tempos".
O meco é o protagonista da xornada, símbolo da mofa e a irreverencia do Entroido.
"O meco é o personaxe que se fai con palla, ben dotado, e cólgase no centro da praza".
"Se non hai meco non hai Entroido, e cando marcha o meco, marchou o Entroido".
O seu periplo polas rúas de Xinzo rematará na Praza Maior, onde é colgado. Dende a súa atalaia vixiará a festa ata que remate, testemuña dun Entroido que celebrará mañá unha das súas citas máis importantes, o Domingo Oleiro.