Publicador de contidos
Publicador de contidos

Xoán Vázquez Mao cree en que a supresión das peaxes portuguesas recuperará o turismo

Xoán Vázquez Mao cree en que a supresión das peaxes portuguesas recuperará o turismo

O secretario xeral do Eixo Atlántico traslada que a medida implantada polo Goberno portugués en 2010 supuxo unha baixada do turismo na subrexión do Miño do 40 por cento.

A máxima autoridade do Eixo Atlántico traslada a medida do Goberno portugués ao caso da AP-9 e pide consenso entre os políticos para solucionar a mobilidade pública

G24.gal 03/05/2024 14:58 Última actualización 03/05/2024 16:31

Este venres, na Radio Galega, o secretario Xeral do Eixo Atlántico fala sobre a supresión das peaxes de sete das autovías con arco de pagamento, a partir do próximo xaneiro. 

Trátase dunha decisión que acaba de aprobar o Goberno luso, contando co apoio das forzas da esquerda e da dereita. A medida fará posible a gratuidade das autovías, despois de quince anos de pago de peaxes, que Portugal implantou en 2010, en plena crise económica. 

Para o secretario xeral do Eixo Atlántico, esas peaxes repercutiron de cheo na economía da zona norte, cunha baixada das cifras do turismo na subrexión do Miño, de ata o 40 por cento. 

Máis alá da afectación ao sector turístico, o pago das peaxes tamén tivo efectos negativos na mobilidade dos traballadores do norte do país que habitualmente se desprazan cara á área metropolitana do Porto, así como no caso dos galegos que traballan en Portugal.

O secretario xeral do Eixo Atlántico confía en que a medida sirva agora para reactivar os fluxos turísticos na zona do norte, e a afluencia de visitantes procedentes de Galicia, sobre todo os que fan uso da A28, a autovía da costa, que enlaza Galicia con Porto, unha das máis afectadas pola imposición destas peaxes. 

"A A28, a da Costa, á que se accede por Tomiño ou Ponte de Lima, foi unha das máis afectadas. A repercusión no ámbito turístico non foi só no caso dos galegos, senón tamén dos turistas que veñen de fóra, que caeu un 40 por cento... non só polas peaxes, senón pola imposibilidade de pagar".

Ao tempo, Vázquez Mao trasladou a problemática das peaxes de Portugal ao caso do pago das peaxes en España, especialmente en Galicia, co exemplo da AP-9.

"Os políticos están para resolver os problemas dos cidadáns... deberían sentar á mesa e decidir con que modelo imos resolver a xestión das infraestruturas públicas".

Neste sentido, Vázquez Mao avoga polo diálogo entre as distintas forzas políticas, estuda os modelos que aplican outros países de Europa, e asumir o que considera un debate pendente, a xestión da mobilidade pública. 

Alta velocidade Galicia-Lisboa

Sobre a liña de alta velocidade entre Vigo e O Porto, o secretario xeral do Eixo Atlántico avanzou este venres na Radio Galega que estará operativa cara 2030.

Puntualizou Vázquez Mao que as previsións verificadas nas últimas semanas polas autoridades portuguesas, son que para 2030, xa se poderá circular pola nova liña ferroviaria na práctica totalidade do traxecto que enlaza Galicia con Lisboa, agás no tramo entre Braga e O Porto, que, traslada Vázquez Mao, estará operativo cara a 2032 ou 2033.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade