Xornada de reflexión coa familia, na feira do libro ou facendo sendeirismo
Xornada de reflexión coa familia, na feira do libro ou facendo sendeirismo
Os cabeza de cartel ás eleccións europeas aproveitan o día para descansar coa familia ou facer actividades ao aire libre
Os candidatos e candidatas ás eleccións europeas do vindeiro domingo aproveitan este sábado a xornada de reflexión para descansar coas súas familias, pasear ou facer algo de deporte.
Tómanse un tempo de descanso despois dunha campaña non só en clave europea, senón tamén de política estatal. O desexo común é afastar a pantasma dunha elevada abstención este domingo.
A cabeza de cartel do PSOE, Teresa Ribera, deu un paseo pola vila de Cercedilla, na serra de Madrid. Este lugar é un punto habitual de desconexión para a vicepresidenta terceira do Goberno, que a vincula co medio natural, e tamén espazo de cita para moitos sendeiristas cada fin de semana.
A número un do Partido Popular, Dolors Montserrat, xa veterana no Parlamento Europeo, pasa o día na súa casa de Sant Sadurní d'Anoia, na provincia de Barcelona. O plan é estar coa familia toda a tarde despois de dar un paseo por varias rúas marcado pola inevitable atención mediática.
Algo parecido sucede co candidato de Vox, Jorge Buxadé, ao que puidemos ver dando unha volta na compaña da súa muller dos seus catro fillos. Dixo que hoxe pensa facer tamén deporte e uns traballos no xardín da súa casa.
As candidatas de Sumar e Podemos están unidas por un escenario común. Na Feira do Libro de Madrid puidemos ver a número un de Sumar, Estrella Galán, entre casetas e na compaña da vicepresidenta Yolanda Díaz comprando varios exemplares.
Mentres, a candidata do partido morado, Irene Montero, facía un percorrido paralelo pola Feira na compaña da líder do seu partido, Ione Belarra, e da número dous e estas eleccións europeas, Isa Serra.
Plans en familia
En Galicia, os plans en familia gañan por goleada. É o caso do socialista Nicolás González Casares, que foi pai por primeira vez durante a campaña electoral e decidiu dar un paseo por Lalín.
Tamén o popular Francisco Millán Mon aproveitou para dar unha volta polo centro de Pontevedra, a súa cidade, e tomar un aperitivo na compaña do seu irmán e da súa cuñada.
O outro candidato con orixes galegas en postos de saída da lista do PP, Adrián Vázquez, elixiu un plan máis ligado á actividade política e almorzou nun hotel da Coruña con interventores e apoderados do partido.
Pola súa banda, a cabeza de cartel do BNG, Ana Miranda, decidiu pasar a xornada de reflexión descansando e compartindo lecer coa súa familia e amizades no barrio vigués de Bouzas. Tamén se achegou á terraza cuberta do Liceo Marítimo.