Publicador de contidos
Publicador de contidos

As confrarías aproveitan as escampadas para sacar algunhas procesións do Xoves Santo

As confrarías aproveitan as escampadas para sacar algunhas procesións do Xoves Santo

 A auga é o peor inimigo dos mantos, así que ata o último minuto as confrarías e as irmandades están moi pendentes do tempo para decidir

G24.gal 28/03/2024 14:37 Última actualización 28/03/2024 21:26

En Ferrol, as confrarías aproveitaron os escampos pero sempre baixo a ameaza de chuvia para conseguir celebrar algunhas das procesións da xornada. Houbo que tomar a precaución de modificar os percorridos e facelos máis curtos. 

A do Noso Pai Xesús da Humildade no Bico de Xudas foi unha das novidades desta Semana Santa de Ferrol. Unha procesión da Confraría da Mercé, que se estreou este Xoves Santo con paso e imaxes novas. Conseguiu saír baixo a ameaza de chuvia, pero cun percorrido algo máis corto do previsto.

Para unha hora máis tarde estaba prevista a procesión da Nosa Señora das Angustias, unha das máis antigas e a que fai o percorrido máis longo de toda a Semana Santa ferrolá. Unha tromba de auga obrigou a suspendela cando xa estaba preparada para saír.

As olladas seguen postas no ceo, porque queda aínda outra cita ineludible da Semana Santa ferrolá. A procesión do Cristo da Misericordia e María Santísima da Piedade, da Confraría das Dores, prevista para esta noite.

En Viveiro, o tempo deu unha tregua e permitiu a saída da primeira das tres procesións de Xoves Santo.
O principal paso é o que representa a última cea de Xesús cos doce apóstolos, antes do prendemento e crucifixión. Canda el, procesionan a Oración no Horto, a Flaxelación, o Ecce Homo e mais a Virxe das Dores.

A chuvia respectou a Mariña e pouco máis neste Xoves Santo.

En Santiago non puido saír  unha das procesións máis antigas de Galicia. A da última cea do Salvador. Tense constancia dela desde o século XVI.

A da última cea e das escenas máis representativas, pois foi nela onde Xesús compartiu o pan e mais o viño cos discípulos instituíndo así o sacramento da Eucaristía.

En Lugo  tamén quedaron sen procesión polo tempo. Nesta cidade, o paso da Santa Cea procesiona co Santísimo Sacramento. A catedral lucense é unha das poucas que ten o privilexio  concedido pola Santa Sede de telo exposto permanentemente.

Na Coruña tampouco puideron saír en procesión os pasos de Noso Pai Xesús Nazareno e da Nosa Señora da Amargura. A confraría organizadora, a da Soidade e do Santo Enterro, improvisou un pequeno acto no interior do tempo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade