As asociacións de vítimas de Angrois denuncian trato de favor a ADIF no xuízo
Tamén cuestionan a retransmisión do xuízo pola información que poidan achegar a futuras testemuñas
O xuízo polo descarrilamento do tren Alvia en Angrois, que deixou 80 mortos e 145 feridos, botou a andar esta semana nove anos despois do accidente.
As asociacións de vítimas reclaman responsabilidades pola falla de sinalización no lugar do accidente e aseguran sentirse desamparadas polas institucións que debían garantir a seguridade nesa liña ferroviaria.
Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, o presidente da Plataforma de Vítimas do Alvia, Jesús Domínguez, denuncia publicamente un "trato de favor a ADIF" na vista oral.
"Onte coñeciamos que se gastaron outros case 14.000 euros en asesorar os seus posibles comparecentes e preparar este xuízo. E non entendemos por que ao señor Cortabitarte se lle permite unha semana, despois de declarar Garzón, para preparar a defensa".
O voceiro da asociación lembra que despois do accidente e con tres costelas rotas, o maquinista do tren, Francisco Garzón, foi sacado do hospital pola Policía para declarar.
"E antonte vimos a Cortabitarte (exalto cargo de Adif) despois da labazada, que é intolerable e condenamos e o pai xa me dixo que pedira perdón, que lle deron unha semana. Vemos como hai un trato de favor porque se está xulgando o Estado realmente, estase xulgando a ADIF".
Pola súa banda, o avogado da Asociación de Prexudicados polo Accidente Ferroviario do Alvia de Santiago, Javier González, cuestiona a retransmisión do xuízo, pola información que poida proporcionar a futuras testemuñas.
Pero, sobre todo, denuncia a falla de seguridade na curva da Grandeira e a ausencia total de sinalización nese punto.