Publicador de contidos
Publicador de contidos

XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

O evento náutico regresa a Sada tras dous anos suspendido pola pandemia

G24.gal 03/08/2023 21:03 Última actualización 03/08/2023 21:34

Superáronse todas as expectativas da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, organizadora do evento. O décimo sexto Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que desta volta se celebra en Sada tras estar suspendido dous anos pola pandemia, logrou reunir 106 barcos.

"Son barcos de madeira a propulsión a vela ou remo. A esencia destes barcos é que representan faenas e labores de comercio e de pesca, de transporte que tradicionalmente se desenvolvían nas nosas costas", explica Pepe  Sacau, presidente de CULTURMAR.

"Son lembranzas da infancia porque estas dornas e bucetas que hai aquí era o que antes viamos, non había outra cousa", conta un veciño de Sada.

Tamén hai barcos tradicionais do Mediterráneo e do Cantábrico, como un patache chegado do porto vasco de Pasaia.

"Utilizábase para o corso. Usábano os corsarios porque era un barco de transporte moi rápìdo. Ían aos grandes galeóns, roubaban a carga e marchaban a toda velocidade", explica unha das tripulantes.

Ou dous curiosos botes irlandeses que poden ir a remou ou a vela.

"Estaban adaptados ao oceano Atlántico, no oeste de Irlanda, onde non hai portos, só praias. O barco pode levantalo a propia tripulación e levalo a terra", conta un dos sete irlandeses que trouxeron as embarcacións a este encontro. 

A concentración  no Porto de Fontán inclúe visitas guiadas polos naves  e bautizos de mar de novas embarcacións.

"Hai actividades en terra e espectáculos para os rapaces. Tamén poden navegar nas zocas, que eran unhas embarcacións auxiliares típicas de aquí".

Fermosas e antigas embarcacións tradicionais e talleres en terra para aprender os oficios vencellados ao mar. Un universo náutico ao alcance de todos nós ata o próximo domingo en Sada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar