Díaz, satisfeita co acordo de Sumar, e Podemos esixe retirar o veto a Montero
Díaz, satisfeita co acordo de Sumar, e Podemos esixe retirar o veto a Montero
A líder de Sumar asegura que España quería un acordo e xa o ten
Belarra insta a Díaz a seguir negociando para incluír a ministra de Igualdade
Fontes de Sumar reiteran que non existe a posibilidade de incorporar a Montero
A ministra de Traballo e líder de Sumar mostrouse satisfeita polo acordo acadado con quince formacións políticas da esquerda, incluída Podemos, para presentárense ás eleccións xerais. Mentres, a líder da formación morada pídelle que rectifique.
Nunha carta enviada á militancia, a secretaria xeral de Podemos explica que decidiron asinar, sen acordo, a coalición con Sumar porque, desde a formación de Yolanda Díaz ameazaron con excluílos das listas.
Ione Belarra, que ocupa o número 5 de Sumar en Madrid, insiste en que o veto á ministra de Igualdade é un erro e insta a Díaz a seguir negociando.
Segundo a secretaria de Organización de Podemos, Lilith Verstringe, que vai na lista de Sumar por Barcelona, reitera que hai tempo ata o 19 de xuño, en que remata o prazo de presentación de candidaturas.
"Parécenos que o veto a Irene Montero é un erro político e unha mensaxe moi perigosa para a sociedade e esperamos que o reconsideren".
Ademais da inclusión de Montero, Podemos esixe un acordo máis xusto no tocante ás candidaturas. Cre que os postos que lles ofrecen desde Sumar poden deixalos sen representación no Congreso dos deputados.
Yolanda Díaz non fixo ningunha referencia a este asunto na súa primeira comparecencia tras o rexistro da coalición electoral.
"Démonos a man, nunca sucedera en democracia, somos quince formacións políticas".
Díaz destacou a súa capacidade para chegar a acordos, desde a reforma laboral ata o SMI e o máis recente, o Estatuto do bolseiro.
A líder de Sumar advirte que as eleccións do 23 de xullo non van dos últimos catro anos, senón dos oito que veñen, e asegura que seguirán traballando para sumar a xente que ten medo e non se fía.
"Para Sumar arranca a campaña no país, poñémonos en marcha, como diría o poeta galego e con ilusión e con esperanza gañaremos o país e sobre todo gañaremos estas eleccións xerais".
Sen posibilidade de cambios
Fontes de Sumar no acto de presentación da coalición reiteraron este sábado que non existe a posibilidade de incorporar a ministra de Igualdade, Irene Montero, ás listas electorais do 23 de xuño.
A formación lembra que o pasado venres, ademais de asinar o rexistro, tamén levou a cabo o acordo político con Podemos, polo que, segundo sinalan, os equipos están constituídos sen posibilidade de cambios.
Doutra banda, subliñan, a campaña deseñarase en conxunto coas quince coalicións que conforman o acordo, deixando que as comunidade autónomas teñan un papel fundamental na súa realización.