Fracasa a moción para destituír a Yoon Suk-yeol polo boicot do seu partido
Fracasa a moción para destituír a Yoon Suk-yeol polo boicot do seu partido
Horas antes, o presidente surcoreano pediulle perdón á cidadanía pola lei marcial e deixou o cargo nas mans da súa formación
A Asemblea Nacional tampouco logra a maioría suficiente para establecer unha investigación sobre a primeira dama
O boicot de case a totalidade de parlamentarios do gobernante Partido do Poder Popular (PPP) impediu que este sábado prosperase a moción para destituír o presidente surcoreano, Yoon Suk-yeol, na Asemblea Nacional do país.
A votación comezou pasadas as 18:00 horas, despois de que abandonaran a cámara todos os deputados do PPP salvo dous. A iniciativa para inhabilitalo obtivo 195 apoios dos 300 posibles.
Para poder prosperar, precisaba o voto de dous terzos da cámara, polo que o bloque opositor (en clara maioría con 192 escanos) debía contar con, polo menos, oito sufraxios adicionais dos 108 do PPP.
Investigación sobre a primeira dama
Un pouco antes, a Asemblea Nacional surcoreana tampouco lograba a maioría suficiente para establecer unha investigación sobre a primeira dama, Kim Keon-hee, por suposta corrupción, o que xa indicaba que o presidente podería non ser destituído na votación posterior.
A moción para investigar a Kim obtivo 198 votos a favor e 102 en contra, polo que non alcanza a maioría de dous terzos necesaria, e indica que só seis membros do gobernante Partido do Poder Popular (PPP) apoiaron co seu voto a iniciativa.
A principal formación opositora, o Partido Democrático (PD), e as outras cinco forzas políticas presentaron unha moción para destituír a Yoon o pasado mércores.
O presidente decretara por sorpresa a lei marcial o martes acusando á oposición de "actividades anti-estatais" e de ser "forzas pronorcorenas".
O estado de excepción foi levantado despois de que os partidos da oposición e algúns do propio PPP votaran na Asemblea Nacional a revogación da medida, malia os intentos da policía e do Exército de bloquear os accesos ao parlamento e tomar o control da cámara.
Mentres tiña lugar a votación parlamentaria este sábado, unhas 149.000 persoas -segundo datos da policía- concentráronse fronte á Asemblea para reclamar que Yoon dimita do seu cargo ou sexa destituído.
Desculpas do presidente
Horas antes, Yoon Suk-yeol, pediulle desculpas ao pobo surcoreano pola lei marcial que conmocionou o país e afirmou que deixaba nas mans do seu partido o cargo e a estabilización da situación política.
"Pido sinceras desculpas por causar preocupación e inconveniencias á cidadanía".
Foi nunha breve alocución desde a oficina presidencial e retransmitida polos medios nacionais, na súa primeira aparición pública desde que levantou o estado de excepción na madrugada do mércores.
"A declaración da lei marcial foi realizada desde un sentido de urxencia como presidente, quen é o último responsable dos asuntos estatais", afirmou.
O mandatario engadiu que non eludiría "as responsabilidades legais ou políticas derivadas desa decisión" e que "nunca haberá unha declaración dunha segunda lei marcial".
Na véspera, diversas voces advertiron de movementos dentro do Exército que apuntaban a un novo estado de excepción, o que levou a altos cargos a anunciar que non aceptarían esa medida e a deputados da oposición a facer quendas para permanecer no parlamento.
Nas mans do seu partido
O presidente anunciou así mesmo que deixaba "a estabilización da situación política, incluído o seu mandato, nas mans do partido", ante a crecente presión política e social para que abandonara o seu cargo.
Malia que dende a súa formación houbo críticas ao mandatario por recorrer á lei marcial sen xustificación suficiente, tamén se marcou inicialmente a liña política de apoiar o presidente para que seguise no poder.