Ucraína denuncia un ataque aéreo ruso contra un hospital infantil en Mariupol
Ucraína denuncia un ataque aéreo ruso contra un hospital infantil en Mariupol
O presidente Zelenski cualifica o bombardeo de atrocidade e volve pedir o peche do espazo aéreo ucraíno
Confírmanse 17 feridos, pero as autoridades ucraínas aseguran que hai nenos entre os cascallos
Abren seis corredores humanitarios en varias cidades do país tras lograr un cesamento do fogo
As imaxes que chegan de Mariupol amosan a peor cara da guerra. O exército ruso leva seis días bombardeando a cidade, sen distinguir entre obxectivos militares e civís.
O último foi un hospital materno infantil, bombardeado durante as horas en que Kíiv e Moscova tiñan pactado un alto o fogo para evacuar a poboación civil.
Aínda non hai balance oficial de vítimas, pero as autoridades ucraínas aseguran que hai nenos atrapados entre os cascallos.
Desde que empezou a guerra xa van 1.170 civís mortos na cidade, un enclave estratéxico para Rusia, que a considera o primeiro chanzo para conquistar o corredor do mar Negro.
A Cruz Vermella denuncia que Putin está sometendo a poboación, 300.000 habitantes, a un asedio inhumano. Non hai luz, nin auga nin gas. A comida escasea e o alcalde asegura que quedan recursos para tres días.
Zelenski cualifica o ataque de atrocidade e pide o peche do espazo aéreo
O presidente de Ucraína Volodimir Zelenski cualificou o ataque aéreo ruso contra o hospital infantil de Mariupol de atrocidade e pediu de novo o peche do espazo aéreo ucraíno.
"Ataque directo das tropas rusas ao hospital de maternidade. Hai persoas, nenos, baixo os cascallos. ¡Atrocidade! Canto tempo máis será o mundo cómplice ignorando este terror? Pechen o espazo aéreo xa", escribiu Zelenski en Twitter.
"Paren os asasinatos. Teñen o poder pero parece que perderon a humanidade", agregou o presidente ucraíno.
Mariupol. Direct strike of Russian troops at the maternity hospital. People, children are under the wreckage. Atrocity! How much longer will the world be an accomplice ignoring terror? Close the sky right now! Stop the killings! You have power but you seem to be losing humanity. pic.twitter.com/FoaNdbKH5k
— Володимир Зеленський (@ZelenskyyUa) March 9, 2022
O xefe da administración militar rexional, Pavlo Kirilenko, publicou un vídeo en Facebook que amosa a magnitude dos danos causados neste ataque contra o materno infantil.
"No centro da cidade, hospital, sección maternal e coidados, todo quedou destruído nun ataque aéreo ruso en Mariupol. Agora mesmo. O piloto ruso volveu premer o botón, sabendo exactamente onde caería a bomba", escribiu en Facebook.
Acusou as forzas rusas de "traspasar o límite das relacións inadmisibles entre Estados e pobos", de "cruzar o límite da humanidade".
As centrais nucleares son outro dos obxectivos de Putin. Ucraína denuncia que o exército ruso mantén secuestrados os traballadores da de Zaporijia, atacada a semana pasada, e que os está sometendo a torturas.
Tamén alerta de que deixaron a de Chernóbil sen alimentación eléctrica, o cal pode provocar fugas radioactivas.
No medio do desastre, milleiros de ucraínos foxen do país. Pola súa conta ou través dos corredores humanitarios pactados entre Kíiv e Moscova. Este luns foron seis, pero Ucraína só certifica que se respectou o alto o fogo en dous deles.
O éxodo de refuxiados non ten precedentes na historia do país, a ONU estima que xa son 2,2 millóns. E Acnur calcula que ata 12 millóns de ucraínos requirirán axuda humanitaria.
Regresan centos de ucraínos para loitar na guerra
Mentres uns saen, outros volven. O Goberno ucraíno agradece o regreso de centos de emigrantes ao país para loitar na guerra, á que se engaden voluntarios doutros países que se están sumando ao exército de Ucraína.