O acordo entre ERC e o PSOE inclúe a condonación de 15.000 millóns a Cataluña

A cúpula de ERC dá luz verde ao acordo de investidura co PSOE: "Gaña Cataluña"

Bolaños: "O acordo inclúe unha lei de amnistía que devolverá á política o que nunca debeu saír da política"

Os presidentes autonómicos do PP reclaman igualdade de trato

Félix Bolaños e Oriol Junqueras asinan o acordo para facilitar a investiudra (EFE/ Gerard Magrinya ERC)
G24.gal 02/11/2023 15:25 Última actualización 02/11/2023 21:05

A cúpula de ERC deu luz verde ao acordo global alcanzado co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno, aínda que a militancia do partido deberá agora avalar definitivamente o pacto nunha consulta.

O ministro da Presidencia e membro da Comisión Executiva Federal e da comisión negociadora do PSOE, Félix Bolaños, e o presidente de ERC, Oriol Junqueras, selaron este xoves en Barcelona o acordo que garante o apoio dos republicanos á investidura de Pedro Sánchez.

Así o confirmaron ambos os partidos nun comunicado conxunto, no que explican que Bolaños e Junqueras mantiveron unha reunión en Barcelona este xoves, na que subscribiron o acordo ao que chegaron ambas as formacións políticas.

A Executiva nacional de ERC reuniuse de maneira telemática este mediodía e deu o seu visto e prace ao acordo cos socialistas. Segundo confirmaron diversas fontes do partido, o ambiente na reunión da dirección republicana foi de satisfacción polo resultado das negociacións, con aplausos en diversos momentos por parte dos membros da Executiva. 

O seguinte paso será a consulta telemática entre a militancia do partido, como estaba xa previsto.

Condonación de parte da débeda do FLA

A condonación da débeda é un dos grandes puntos do acordo. O Goberno asumirá 15.000 millóns do FLA, o Fondo de Liquidez Autonómica. Oriol Junqueras dixo que Cataluña aforrará ademais 1.300 millóns en xuros. Cataluña foi a comunidade que máis fondos recibiu deste mecanismo, máis de 100.000 millóns, desde que se puxo en marcha en 2012. O FLA foi creado polo Goberno de Rajoy durante a crise económica. O Executivo central outorgaba cartos ás comunidades que o pediron e que non tiñan solvencia para financiarse nos mercados.

O líder de Esquerra, cualificou o acordo de investidura como un acordo co que gaña Cataluña. O pacto inclúe a lei de amnistía e tamén mantén a mesa de diálogo entre os dous gobernos para a "resolución do conflito político".  

O traspaso de Rodalies era unha das demandas históricas de Cataluña. Para a súa xestión constituirase unha sociedade mixta que estará maioritariamente participada polo Govern quen ademais fixará a presidencia.

Ese aval da Executiva de ERC chegou despois de que nos últimos días deran un envorco esas negociacións co PSOE, nun escenario moi distinto ao de hai xusto unha semana, cando desde filas republicanas acendéronse todas as alarmas pola situación de bloqueo e mesmo o presidente catalán, Pere Aragonès, trasladou ao ministro en funcións Félix Bolaños esa preocupación. "Non imos ben", advertiulle.

A investidura de Sánchez, máis preto

O ministro da Presidencia en funcións e membro da comisión de negociadora, valorou o acordo con Esquerra como un "avance rumbo á investidura" de Pedro Sánchez. Dixo Félix Bolaños que é un avance tamén cara unha lexislatura de "convivencia e progreso".

Bolaños: "O acordo inclúe unha lei de amnistía que devolverá á política o que nunca debeu saír da política"

Sobre a lei de amnistía, evitou dar detalles porque, dixo, aínda se está en conversas con Junts.

O ministro Félix Bolaños engadiu que dende o PSOE están moi "satisfeitos" co acordo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade