A inflación mostra estabilidade en outubro, mais o seu impacto é desigual, por María Cadaval
OPINIÓN
A inflación mostra estabilidade en outubro, mais o seu impacto é desigual, por María Cadaval
Os prezos mantiveron a súa tendencia á alza no mes de outubro, cun aumento interanual do 3,5 %, en liña cos datos de setembro, segundo o informe publicado polo Instituto Nacional de Estatística. A taxa anual subxacente, que exclúe os alimentos frescos e os produtos enerxéticos, diminuíu seis décimas para situarse no 5,2 %. Este fito marca a fin de tres meses consecutivos de incremento no Índice de Prezos ao Consumo (IPC), aínda que se mantén no seu nivel máis alto desde abril.
A falta dunha información detallada da evolución impide entrar polo miúdo nas causas deste comportamento, aínda que se sabe que a electricidade exerceu presión á alza sobre o índice, o que se compensou coa moderación dos prezos dos carburantes, que diminuíron, e dos alimentos e bebidas non alcohólicas, que aumentaron a un ritmo máis lento que o ano anterior.
A pesar desta estabilidade, o IPC adiantado para outubro mostra un aumento do 0,3 % con respecto a setembro, o que se atribúe ao efecto estacional e tamén a un efecto base. O ano pasado a inflación caera 1,6 puntos porcentuais, até o 7,3 %, debido á baixada que daquela se produciu nos prezos da electricidade, o factor que máis empuxa á alza nesta ocasión. Por outra banda, os carburantes contribuíron a mellorar os datos, a pesar da situación bélica. O Boletín Petroleiro apunta a que a gasolina diminuíu un 5,5 % o seu prezo e o diésel un 2 % en comparación cos máximos anuais alcanzados a principios de outubro. Os alimentos parecen moderar o seu encarecemento, mais en setembro este grupo mostrou un aumento do 10,5 % interanual, co aceite de oliva ou o azucre liderando as subas con prezos un 67 % máis caros.
Así pois, a moderación na suba dos prezos é unha boa nova na perspectiva macroeconómica, mais o problema no nivel micro é significativo. O Banco Central Europeo acaba de alertar que a poboación con menos renda en España diminuíu o seu poder de compra un 13 % no último ano, é dicir, empobreceuse tres veces mais que as persoas con maior renda. Segundo a autoridade monetaria europea, hai dous países onde as familias máis pobres están quedando atrás, e son Alemaña e España. As rendas máis baixas empobrécense un 13 % mentres a media reduciu o seu poder adquisitivo nun 6 %, fronte ao 2,8 de Francia, o 2,1% en Portugal ou o 1.4 % en Italia, por exemplo. A inflación está tendo efectos moi desiguais porque os prezos máis afectados foron os dos combustibles, a luz e a alimentación. Estas tres partidas concentran case o 40 % dos gastos dos fogares máis pobres, polo que, aínda que a inflación é sufrida por todo o mundo, non afecta a todas as persoas por igual, o que dá conta de que as medidas adoptadas foron insuficientes e non suficientemente orientadas ás familias con menor renda. Un exemplo disto é o chamado escudo hipotecario, que pretendía protexer un millón de familias e, a día de hoxe, tan só 4.200 hipotecados teñen acceso a estas axudas, e son denegadas 16.000 solicitudes e 21.000 están aínda en proceso de estudo.
Vai ser necesario abrir un novo paraugas selectivo que axude a paliar os efectos perversos da inflación a aquelas persoas e familias máis desfavorecidas nun horizonte anual en que a suba xeneralizada de prezos pechará por riba do 3 % e unha inflación subxacente arredor do 6 %.