A militancia de Podemos avala a autonomía do partido fronte a Sumar

Belarra condiciona os acordos electorais á celebración de primarias sen vetos

Montero advirte de que non van desaparecer malia os intentos por substituílos

Ione Belarra, este sábado na Conferencia Política de Podemos
G24.gal 04/11/2023 14:33 Última actualización 04/11/2023 14:55

A militancia de Podemos avala a autonomía do partido fronte a Sumar e establece como condición para chegar a acordos electorais que se celebren primarias, sen vetos.

A formación morada celebrou este sábado a Conferencia Política na que Ione Belarra volveu insistir en que os votos dos seus deputados non se regalan e en que Irene Montero debe seguir á fronte do Ministerio de Igualdade.

Un total de 31.000 inscritos, o 87 %, participaron nesta consulta, celebrada os días 2 e 3 de novembro, sobre a estratexia que debe seguir Podemos nesta nova etapa.

Segundo explicou a secretaria xeral, Ione Belarra, o documento, que só menciona unha vez a Sumar, define Podemos como unha forza política autónoma, con voz propia, que non se vai disolver dentro doutro partido e que tampouco acepta militancias dobres.

"Podemos ten que fortalecerse como organización política autónoma e que só imos participar de acordos preelectorais cando sexa útil e sobre todo cando haxa respecto a Podemos, con primarias e sen vetos. Basta xa de faltarlle ao respecto a Podemos".

Belarra asegura que un goberno de coalición sen Podemos nacerá lastrado e volveu defender a continuidade de Irene Montero á fronte do Ministerio de Igualdade.

"É exactamente a ministra de Igualdade que precisamos as mulleres nos próximos anos en España".

Montero advirte de que a pesar dos intentos por substituír a Podemos, non van desaparecer.

"O que Podemos é, a nosa capacidade para ser unha ferramenta útil para os nosos pobos, sectores populares, non temos que llo explicar a ninguén. Ímolo demostrar como nestes dez anos, camiñando".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade