A Policía Nacional investiga o ataque contra a embarcación do presidente dos mariscadores de Aguiño
A Policía Nacional investiga o ataque contra a embarcación do presidente dos mariscadores de Aguiño
Supostamente a lancha ardeu a causa do lanzamento dun artefacto incendiario
A embarcación do presidente da agrupación de mariscadores da Confraría de Aguiño, Manuel Ángel Reiriz, amaneceu o martes afectada por un incendio, supostamente provocado por un artefacto incendiario. A lancha estaba aparcada nun remolque ao carón da vivenda do irmán de Manuel e conta cun depósito de 50 litros de combustible.
"Tivemos a sorte de que non chegou a inflamar, porque se non a onda expansiva de 50 litros, estariamos falando dunha traxedia sen sentido, non se lle encontra explicación", lamenta Manuel Ángel.
A Policía Nacional está investigando o caso e baralla todas as hipóteses. Actualmente, atópase á espera dos resultados das probas recollidas pola Policía Científica para dar cos autores do ataque. Mentres, o presidente dos mariscadores prefire crer que o acto non está relacionado co sector, a pesar de que unha vez xa lle raiaran o coche. Aínda así, recalca que el sempre "defenderá o sector".
O propio presidente decatouse do sucedido o martes ás oito da mañá, cando acudiu recoller aparellos da embarcación. Nese momento, viu que un lume derreteu varios elementos da lancha, como a lona de protección da mesma, ademais de afectar ao chan. Os estragos superan os 2.000 euros, e mentres non se esclarece o sucedido ambos irmáns estanse a facer cargo da reparación.