A Selección Galega compite esta tarde co Miño nun partido solidario

Os fondos destinaranse a rehabilitar a vivenda incendiada dunha familia da zona

O encontro comeza as sete da tarde no campo de fútbol de Gallamonde

G24.gal 21/11/2023 13:53

Focos de estrea, limpeza de campo e últimos preparativos no estadio Gallamonde para a gran cita da tarde. Dun lado estará a Selección Galega. Doutro, a Asociación Deportiva Miño. Darano todo sobre o campo por unha boa causa, a de rehabilitar esta vivenda familiar. Arrasouna o lume hai un ano, e nela perdeu a vida unha veciña da zona.

"A idea é que se recade o máximo posible para axudar a reconstruír a casa desta familia, que é unha familia moi humilde e moi traballadora, todos os coñecemos", explica Alberto López Vázquez, vicepresidente da AD Miño.

Para engadir máis emoción ao encontro, sortearase unha camiseta da Selección e o primeiro dos tres lotes de produtos cedidos polo comercio local. Malia que o día está fresco, aquí xa se nota a calor deste emocionante partido.

"O partido será moi interesante. Vén a Selección Galega, actual campioa de Europa, e o AD Miño que está nun posto de privilexio na súa categoría. Eu fago un chamamento para que todo o mundo veña e colabore polo aspecto solidario e tamén para gozar do partido", anima Yolanda Bello, de Servizos sociais do concello de Miño.

As entradas custan dez euros e tamén hai unha conta aberta para as contribucións. O encontro comeza ás sete e o obxectivo é que a solidariedade gañe por goleada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade