A Xunta licita as obras da terminal de buses e do aparcadoiro da intermodal de Lugo
A Xunta licita as obras da terminal de buses e do aparcadoiro da intermodal de Lugo
Prevén comezar os traballos no 2024, cun prazo de execución de 25 meses
O Consello da Xunta aprobou este xoves a contratación das obras da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da estación intermodal de Lugo por un importe que roza os 20 millóns de euros, dos que a Xunta asume o 65 % do custo.
Segundo explicou o xefe do Goberno galego, Alfonso Rueda, a previsión é comezar os traballos no 2024 e que estean rematados nun prazo de 25 meses. Esta licitación está recollida no convenio asinado en marzo pasado pola Xunta, o Concello de Lugo e o Adif.
A intermodal luguesa suma un orzamento total de 50 millóns de euros, que inclúen tamén a construción dunha nova estación de tren por parte do Adif. Alfonso Rueda considera que este investimento debe ir acompañado dunha mellora das conexións ferroviarias coa cidade de Lugo.