A Xunta pídelle á ministra de Sanidade medidas urxentes para dotar Galicia de máis médicos
A Xunta pídelle á ministra de Sanidade medidas urxentes para dotar Galicia de máis médicos
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, demanda un incremento de mil prazas anuais na oferta de formación en medicina familiar e comunitaria
A Xunta enviou unha carta á nova ministra de Sanidade, Mónica García, en que lle pide un "plan de choque" que permita facer fronte aos problemas do sistema sanitario que a Administración autonómica centra principalmente na "falta" de médicos.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou o contido desa misiva durante o pleno do Parlamento mentres respondía ás preguntas orais da oposición sobre a situación sanitaria na Mariña de Lugo.
Tras o remate desa sesión parlamentaria nunha nota de prensa a Xunta explica que a carta pide medidas urxentes para "dotar" ao sistema de "máis especialistas" en áreas como medicina familiar e comunitaria.
Segundo manifesta o conselleiro de Sanidade na nota as "dificultades" do "conxunto" de comunidades autónomas para a cobertura de baixas e vacantes "non se trata dun diagnóstico novo" e xa foron trasladados aos predecesores de Mónica García.
Julio García Comesaña demanda en concreto un incremento de 1.000 prazas anuais na oferta de formación en medicina familiar e comunitaria e que se modifique o sistema de elección de prazas MIR para evitar que queden prazas sen cobertura.
Tamén solicita que se responda as alegacións sobre o decreto da nova especialidade de medicina de urxencias e emerxencias. "A non dispoñibilidade de profesionais formados para contratar, escapa das capacidades dos servizos autonómicos de saúde e require dunha resposta nacional", engade o conselleiro de Sanidade na súa carta.