Controlado o incendio na planta da empresa Sogarisa nas Somozas

O lume iniciouse sobre as 16:20 horas nas instalacións situadas no polígono industrial

Hai unha investigación aberta para saber como comezou o lume

Está mañá quedaba desactiva do plan de emerxencias

Incendio nas instalacións de Sogarisa/Fonte: GES Ortigueira
G24.gal 29/10/2023 17:30 Última actualización 30/10/2023 11:30

Os bombeiros traballaron durante horas ata conseguir controlar o lume.

O incendio comezaba ás catro e vinte desta tarde na planta que a empresa Sogarisa ten no polígono industrial das Somozas... As instalacións están dedicadas á reciclaxe de residuos industriais.

No lugar rexistráronse varias explosións, que precederon ao comezo das lapas que afectaron a unha zona en que se almacenaban diferentes produtos.

"Pois en pouco tempo as chamas impresionaban moito, moito fume, o incendio agora está practicamente apagado, están arrefriando as zonas onde foi o máis forte do incendio, pero está controlado e practicamente apagado", di Juan Alonso Tembrás, alcalde das Somozas.

No momento do incendio estaban na planta varios traballadores. Dous operarios resultaron feridos e foron trasladados a un centro hospitalario pola inhalación de fume. 

"Estivemos falando con eles, cos que estaban traballando, levando o control da planta, uns estaban un pouco nerviosos, leváronos na ambulancia para facer unha revisión, pero estaban ben", engadiu o alcalde.

Debido ao alcance do incendio e a virulencia das lapas, a Xunta activou o nivel 1 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia, o Platerga. Sobre as 1:15 horas deuse por finalizada a actuación dos bombeiros, polo que esta mañá desactivouse o plan de emerxencias.

O 112 mobilizou os Bombeiros do Eume, con sede nas Pontes, o GES de Ortigueira, Bombeiros de Ferrol e os efectivos de extinción de Barreiros (Lugo), ademais da Garda Civil.

Tamén se solicitou a colaboración do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón e do corpo de Bombeiros de Vilalba.

Despregouse un perímetro de seguridade para que ninguén se achegase ás instalacións.Haberá que esperar aos resultados da investigación para determinar as causas do incendio.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade