Albares defende a esixencia española a Israel de que respecte o dereito humanitario
Albares defende a esixencia española a Israel de que respecte o dereito humanitario
A guerra de Gaza protagoniza o pleno no Congreso
O PP acusa o executivo de manter unha política exterior "banal e nesgada"
José Manuel Albares levou ao Congreso a condena aos atentados de Hamas e a esixencia da liberación dos reféns, pero tamén lembrou a Israel as súas obrigas humanitarias no combate á organización terrrorista.
Para o ministro de Exteriores, as vítimas israelís e palestinas son igualmente insoportables.
"Recoñecemos o dereito de Israel a defenderse deste ataque terrorista. Tamén dicimos que ese dereito debe respectar os límites do dereito internacional humanitario que protexen á poboación civil palestina e en favor desa protección falaremos sempre", dixo Albares.
O ministro reiterou a solución dos dous estados como a mellor garantía para a paz na rexión. O Partido Popular comparte a idea, pero non que se pretenda impoñer nun momento de tanta tensión. E acusou ao Goberno de manter unha política exterior banal e nesgada.
"Por iso resulta tan estridente que o presidente Sánchez acuse sen probas a Israel de matar civís indiscriminadamente sen esixir, como mínimo e ao mesmo tempo, a disolución inmediata de Hamas", dixo o popular Esteban González Pons.
Vox cre que o Goberno elixiu poñerse do lado dos verdugos antes que das vítimas. A súa deputada María José Rodríguez de Millán dixo que "se mañá necesitaran os votos de Hamas para unha hipotética investidura, non me cabe a menor dúbida de que vostedes amnistiarían a quen entraron a masacrar ducias de inocentes".
Sumar apoiou a tese de que a resposta israelí vai máis aló de acabar con Hamas. Segundo Agustín Santos,"trátase dun plan premeditado no que se busca ir expulsando á poboación mediante o desprazamento de refuxiados".
Aos poucos minutos de comezar o pleno, dous simpatizanes propalestinos interromperon o ministro de Exteriores con berros e consignas a favor da liberdade do pobo palestino.