Baltar renuncia como presidente provincial do PP de Ourense
Baltar renuncia como presidente provincial do PP de Ourense
Proponlle a Rueda que Menor sexa o presidente da xestora ata que se escolla a nova directiva
Xosé Manuel Baltar oficializa a renuncia á presidencia provincial do Partido Popular en Ourense. Na reunión da Xunta Directiva estiveron o líder do PPdeG, Alfonso Rueda e mais a secretaria xeral da formación, Paula Prado. A dirección provincial do partido quedará agora en mans dunha xestora. Baltar propúxolle a Rueda que sexa Luis Menor, presidente da Deputación, quen dirixa a xestora mentres non se escolle a nova directiva.
"É o momento de dar un paso a un lado despois de case 14 anos apaixonantes”, resaltou Baltar antes de por en valor a figura de Menor como garante do futuro do partido na provincia, “que será un piar da vitoria do presidente Rueda”.
Luis Menor, que substituíu a Baltar á fronte da Deputación, agradeceu a decisión adoptada por Xosé Manuel Baltar, ao entender que busca "o ben do partido" e evitar así bicefalias. "É unha decisión que lle honra pensando no ben de partido".
Pola súa banda, o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, agradeceu a Xosé Manuel Baltar todos estes anos de "traballo e servizo leal a Ourense e a Galicia", con moitos éxitos electorais, e que "fora unha decisión en coordinación co partido, sempre pensando no beneficio común".
Xosé Manuel Baltar presidía o PP de Ourense desde 2010, ano en que sucedeu ao seu pai, Xosé Luis Baltar.