Aumenta a tensión entre Podemos e Sumar á espera do Goberno de Sánchez

Nacho Álvarez, proposto por Díaz como ministro, dimite dos seus cargos de Podemos

 Belarra reclama Igualdade para Podemos e di que Sánchez ten a última palabra

Belarra, na manifestación deste sábado en solidariedade con Palestina
G24.gal 18/11/2023 14:37 Última actualización 18/11/2023 18:10

A disputa entre Podemos e Sumar agrávase e complica a formación do novo Goberno de Pedro Sánchez. Ione Belarra declarou este sábado que Pedro Sánchez é quen ten a ultima palabra.
A loita entre ambas as formacións saldouse coa dimisión do número dous de Belarra no Ministerio de Asuntos Sociais.

Nacho Álvarez decidiu dimitir de todos os cargos en Podemos e volve á Universidade por entender que perdeu a confianza da dirección do partido morado. A secretaria xeral non aceptou a proposta de Yolanda Díaz para que fose Álvarez quen ocupase a cota de Podemos no novo Goberno de coalición que forme Pedro Sánchez.

Belarra alegou que é Podemos quen elixe os seus ministros e que Irene Montero debe seguir á fronte do Ministerio de Igualdade. Este sábado, durante a manifestación de apoio ao pobo palestino, Belarra non quixo referirse a este asunto nin quixo concretar se mantivo contactos co presidente do Goberno. Si dixo que Pedro Sánchez coñece a súa proposta e é el quen ten a última palabra.

 "De momento, o que lles podo dicir é que a persoa que toma esas decisións é o presidente, todos os votos a favor xa se deron o xoves pasado e a última palabra tena o presidente. Coñecen a proposta de Podemos, que é a de seguir coas transformacións feministas, porque pensamos que esa é a mellor achega que lle podemos facer ao próximo Goberno"

O enfrontamento entre Sumar e Podemos complica aínda máis a formación do Goberno de coalición. Sumar intenta encaixar as pezas para repartir as carteiras que lle toquen entre Podemos e o resto das formacións que a integran como Más País, Izquierda Unida ou Compromís. Belarra, pola súa parte, cre que Díaz e Sánchez non queren a Podemos no consello de ministros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade