Evacúan ao hospital por intoxicación catro membros dunha familia de Vigo

Os bombeiros confirmaron unha alta concentración de monóxido de carbono

A causa do accidente foi a mala combustión dunha estufa de butano

G24.gal 29/11/2023 13:30

Catro membros dunha familia de Vigo tiveron que ser evacuados da súa vivenda con síntomas compatibles cunha intoxicación por monóxido de carbono. Os bombeiros e a Policía Local que se trasladaron ata o lugar dos feitos comprobaron unha alta concentración de monóxido no domicilio debido á mala combustión dunha estufa de butano. 

Ocorreu no barrio vigués de Lavadores. Tres dos afectados estaban no domicilio cando comezaron a sufrir os síntomas pola intoxicación, e un cuarto, un menor, xa estaba no colexio cando comezou a encontrarse mal. 

Tras realizar unha inspección da vivenda, axentes da Policía Nacional e Local, xunto a unha dotación de bombeiros, confirmaron unha alta concentración de monóxido de carbono. Unha ambulancia trasladou os afectados ao hospital Álvaro Cunqueiro con síntomas compatibles cunha intoxicación. 

A mala combustión dunha estufa de butano foi a causa do accidente. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade