Galicia comeza a tramitar a lei que vetará bebidas enerxéticas e 'vapeadores' a menores

Os menores de idade non poderán adquirir estes produtos, que tampouco poderán estar dispoñibles en maquinas expendedoras nin en espectáculos deportivos ou dirixidos a menores, e non poderán patrocinar eventos destinados a persoas de menos de 18 anos

G24.gal 02/11/2023 12:10 Última actualización 02/11/2023 14:28

A Xunta inicia da tramitación do anteproxecto de lei de protección de saúde dos menores polo que se prohibirá a venda de bebidas enerxéticas e 'vapeadores' a menores, ao equiparar estes produtos ás bebidas alcohólicas e o tabaco, respectivamente.

Segundo os datos cos que traballa a administración galega, o 40 por cento dos mozos consome bebidas enerxéticas, que ten un importante contido de substancias estimulantes que pode provocar desde ansiedade e insomnio ou problemas cardíacos. 

Segundo destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa comparecencia tras o Consello da Xunta deste xoves, trátase dunha "iniciativa pioneira" a nivel estatal, co que Galicia "sitúase á vangarda na prevención de condutas aditivas para a mocidade e a protección da súa saúde".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que se ampliarán ás bebidas enerxéticas e os vapeadores as limitacións, prohibición de venda e publicidade que existe coas bebidas alcohólicas e o tabaco.

Así establécese a prohibición do consumo e venda a menores de idade, de maneira que se esixirá o DNI para a venda. Non se permitirá a súa venda en máquinas expendedoras (porque non se pode garantir a idade).

Tampouco se poderán vender en espectáculos deportivos ou dirixidos a menores, ou recintos con moita presenza de menores, e non poderán patrocinar eventos dirixidos ás persoas que teñen menos de 18 anos. Tamén terá un lugar específico identificado nos lugares de venda.

Di Comesaña que se traballa para "previr máis que para castigar" o consumo destas substancias, así como os produtos que conteñan cánnabis, sobre os que tamén se establecerá a prohibición de venda a menores e de acceso aos establecementos que vendan produtos vinculados.

A nova normativa tamén incluirá cambios na regulación do consumo de bebidas alcohólicas na vía pública nos denominados botellóns, xa que a Xunta pasará a ser a administración sancionadora, en lugar dos municipios, e mesmo poderá multar aos concellos que permitan os botellóns. Esta normativa ademais, amplía a prohibición para fumar en marquesiñas e en piscinas públicas.

O conselleiro de Sanidade tamén indicou que non se descarta actuar sobre os videoxogos e o uso do teléfono móbil en menores de idade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar