Dimite o conselleiro delegado de Binance e admite ser culpable de fraude

Changpeng Zhao deberá aboar unha multa de 50 millóns de dólares (45,9 millóns de euros) e a empresa 4.300 millóns (3.943 millóns de euros)

Conferencia de prensa do fiscal xeral dos EUA Merrick Garland Conferencia de prensa do fiscal xeral dos EUA Merrick Garland
G24.gal 21/11/2023 22:14 Última actualización 21/11/2023 23:18

O CEO de Binance, Changpeng Zhao, dimitirá como parte dun acordo co Goberno estadounidense, que inclúe que se declaren culpables tanto el coma a empresa de cargos relacionados co lavado de diñeiro. Zhao deberá aboar unha multa de 50 millóns de dólares (45,9 millóns de euros) e a compañía 4.300 millóns de dólares (3.943 millóns de euros).

Así o anunciaron nunha conferencia de prensa o fiscal xeral Merrick Garland e a secretaria do Tesouro Janet Yellen, que subliñaron a importancia desta acción para o Goberno dos EUA.

Os cargos contra Binance presentáronse formalmente o pasado marzo e, tras dous anos de investigación, as autoridades norteamericanas determinaron que a empresa non se rexistrou como operador, requisito necesario para realizar a compravenda de criptomoedas nos Estados Unidos.

Segundo o tribunal, entre agosto de 2017 e outubro de 2022, Binance e Zhao incorreron nun "esforzo calculado e deliberado" para operar nos Estados Unidos sen respectar os estándares reguladores pertinentes. Así mesmo, Binance instruiría os seus clientes no país para que evadisen os controis que a propia compañía pretendía implantar para "previr e detectar violacións da lexislación".

Estas pescudas enmárcanse no crecente celo que os organismos estadounidenses están a aplicar sobre as plataformas de criptomoedas para evitar condutas fraudulentas e ilícitas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade