Lino López: "Son partidos que che quitan anos de vida"
Lino López: "Son partidos que che quitan anos de vida"
O técnico ferrolán analizou a cuarta vitoria da temporada, tras dúas prórrogas
Custou ferro e fariña conseguir o triunfo para o equipo departamental ante o Bembibre. Tras un mal inicio, o encontro igualouse na recta final e houbo que recorrer a dous períodos extra para dirimir o vencedor dun choque que se decidiu por detalles. Así o explicaba Lino López ao remate do encontro.
"Son deses partidos que che quitan anos de vida, con dúas prórrogas, canastras decisivas nos últimos segundos... Hoxe o afeccionado sae de aquí feliz, pero foi a cara ou cruz. Ao comezo non estivemos acertadas, pero o problema era defensivo. Recibimos moitos puntos. O encontro foi unha montaña rusa, pero no momento que defendiamos a bo nivel, permitiunos transicións e atacar mellor".
O enfrontamento do equipo ferrolán puido escoitarse nun Galicia en goles con ampla cobertura da sexta xornada da Liga Feminina de baloncesto. Nela o Celta caeu ante o Araski e o Ensino derrotou a domicilio ao Cadi La Seu.