Máis do 75 % das sancións de tráfico en Galicia son por exceso de velocidade

O número de multas por alcoholemias positivas aumentou máis do 40 % en 2022

G24.gal 12/11/2023 14:26 Última actualización 12/11/2023 14:45

A velocidade inadecuada é, con moita diferenza, a infracción de tráfico máis sancionada en Galicia. O ano pasado a DXT tramitou preto de catrocentas mil denuncias a condutores que non respectaron os límites. Representan máis do 75 % de todas as multas.

En 2022 a Garda Civil de Tráfico identificou máis de 35.000 coches que circulaban polas estradas galegas sen a ITV. Foi o segundo motivo de sanción. O terceiro, as alcoholemias positivas, case 15.000, unha cifra preocupante porque supón un incremento do 41 % respecto a 2021.

Malia as campañas de prevención, viaxar sen o cinto de seguridade segue entre as causas máis frecuentes de denuncia, aínda que o número de multas baixou máis dun 4 %. Tamén descendeu o uso do móbil ao volante. Puxéronse case dúas mil multas menos.

As infraccións máis comúns en Galicia coinciden coas do conxunto de España. A DXT nunca recadou tantos cartos por sancións de tráfico como o ano pasado. Superou por primeira vez a barreira dos cincocentos millóns de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade