Israel atrasa ata o venres o inicio da tregua e continúa bombardeando Gaza

O Goberno qatarí afirmoa que "nas próximas horas" se coñecerá cando comeza a tregua e a liberación de presos e reféns

 

G24.gal 23/11/2023 06:48 Última actualización 23/11/2023 09:35

Israel anuncia que atrasa a tregua e a liberación de reféns, que non empezará antes de mañá venres. Di que Hamas non entregou a lista dos liberados e que o acordo non ten a sinatura do grupo islamista. Mentres, os bombardeos intensificáronse na Franxa de Gaza.

O Goberno qatarí afirmou este xoves que o anuncio da data da entrada en vigor da tregua temporal humanitaria na Franxa de Gaza, que dará lugar ao troco de reféns e prisioneiros, se realizará "nas próximas horas", o cal descartaría que comece este xoves pola mañá, como estaba previsto.

O portavoz oficial do Ministerio de Exteriores qatarí Majed Al Ansari anunciou á axencia oficial de noticias qatarí QNA que o anuncio "da entrada en vigor do acordo da tregua alcanzada será durante as próximas horas", segundo un comunicado do Ministerio de Exteriores de Qatar, principal mediador xunto a Exipto e os Estados Unidos na guerra entre o grupo islamista Hamas e Israel.

Asegurou que as conversas entre Qatar e Exipto sobre os "detalles do plan executivo" para o acordo da tregua humanitaria en Gaza entre Israel e Hamas "continúan e van de maneira positiva".

"Os contactos continúan coas dúas partes e cos nosos socios en Exipto e os Estados Unidos para garantir a rapidez do inicio da tregua e para facer o necesario para garantir o cumprimento das partes co pacto", concluíu. 

O Goberno de Israel aceptou o pasado martes o acordo con Hamas para a liberación de 50 secuestrados na Franxa de Gaza a cambio da liberación duns 150 presos palestinos e unha tregua de catro días. Con todo, o asesor de Seguridade Nacional israelí Tzachi Hanegbi asegurou nas primeiras horas deste xoves que non haberá liberación de reféns en poder de Hamas ata o venres.

Este é o maior logro diplomático conseguido nos 47 días de guerra entre Israel e Hamas. Catro xornadas en que se deterán os ataques e se permitirá a entrada de axuda humanitaria sen límites na franxa.

Tanto nun lado coma no outro agardan con expectación a ver como se cumpre o punto máis complicado. Hamas comprométese a liberar 50 dos reféns secuestrados o 7 de outubro, todos mulleres e nenos. E Israel, a entregar 150 prisioneiros palestinos que cumpren condena nos seus cárceres. O intercambio debe facerse sempre nunha proporción dun refén por tres prisioneiros.

Desde que se coñeceu o acordo, houbo varias protestas de familiares. Cren que o Goberno de Israel debería negociar a liberación de todos os reféns a cambio de nada. 

Netanyahu di que ese será o próximo obxectivo. O primeiro ministro hebreo deixou claro que a tregua é temporal e que tan pronto como pasen os catro días o exército israelí seguirá coa ofensiva por terra e por aire.

Pero non descarta que se poidan producir máis cesamentos do fogo ou prorrogar o anunciado se se cumpren todas as condicións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade