O acusado polo crime de Mondariz recoñece os feitos e négase a declarar

Enfróntase a unha petición de pena de 17 anos de prisión por un asasinato coa atenuante de alteración psíquica

Miguel Anxo G.M. compareceu ante o xurado popular
G24.gal 13/11/2023 13:59

Comezou en Pontevedra o xuízo polo chamado crime de Mondariz, en que un home recibiu máis de 80 coiteladas no cuarto dun hostal en 2021. Unha vez constituído o xurado popular, comezou a vista oral coa intervención do acusado, que se confesou autor dos feitos, pero acolleuse ao dereito a non declarar.

Miguel Anxo vivía no mesmo hostal que a vítima, Xosé Luís Faro. Eran veciños de cuarto. Xosé Luís, de 44 anos, levaba 17 vivindo no establecemento, e traballando como xornaleiro, sen dar problemas, pero tiña discusións con Miguel Anxo polo seu comportamento incívico, sobre todo polo barullo que facía.

Cando soubo das súas queixas á propietaria do hostal, o acusado lanzou unha ameaza contra el a través doutro hóspede. Días despois Xosé Luís apareceu morto nun edificio anexo ao hostal. Tiña entre 80 e 90 coiteladas.

As sospeitas dirixíronse a Miguel Anxo e as probas tamén. Mercara días antes un coitelo de cociña compatible coa arma homicida.

Miguel Anxo enfróntase a unha petición de pena de 17 anos de prisión por un asasinato coa atenuante de alteración psíquica. Foi diagnosticado hai anos de psicose esquizofrénica paranoide.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade