O futuro das cidades galegas depende da mobilidade sostible e a vivenda pública

Dende o colexio de arquitectos de Galicia defenden unhas cidades máis humanizadas

 

G24.gal 11/11/2023 14:49 Última actualización 11/11/2023 17:02

A muda na tipoloxía das familias, o encarecemento dos centros urbanos, os atascos e a xentrificación, están a cambiar as cidades galegas. E nese proceso, a humanización do ámbito urbano gaña espazo ao automóbil.

"Non se pode pensar primeiro no espazo de circulación dos vehículos senón que o primeiro é garantir a seguridade das persoas máis vulnerables: a infancia e as persoas maiores, que poidan circular seguros e a aproveitar esa cidade de proximidade. A partir de aí, se temos espazo para os coches, moitísimo mellor, pero as distancias en Galicia son moi pequenas como para non buscar solucións alternativas", comenta Luciano Alfaya, decano do Colexio oficial de arquitectos de Galicia (COAG).

A suba desorbitada dos prezos constitúe un dos principais obstáculos para acceder á vivenda nas cidades. Falla de oferta, moita dela orientada cara ao o turista e inmobles baleiros acaban por deixar moita xente fóra do mercado inmobiliario.

"O que fai falta é vivenda pública. Durante moitos anos a porcentaxe de vivenda pública en España  foi ou é moi baixo en relación a Europa e agora, aínda que se están a dar pasos grandes, seguimos bastante afastados da media europea", apunta Luciano Alfaya.

Con todo, os arquitectos insisten en que non hai un modelo único de cidade.

"Non hai unha cidade que só a través da arquitectura, a través da súa forma ou espazos, sexa mellor ou peor. O que fai boas ás cidades é a xente", sentenza o decano dos arquitectos galegos.

Rehabilitar, sen ocupar máis territorio, vivenda pública e mobilidade sostible, coas súas particularidades, semellan ser as apostas de futuro por unhas cidades cada vez máis pensadas a medida de quen vive nelas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade