O porto exterior da Coruña chega aos vinte millóns de toneladas descargadas en mercadorías

O presidente da Xunta advertiu: "As industrias do futuro necesitan as enerxías do futuro"

G24.gal 04/12/2023 17:39

O porto exterior da Coruña acolleu un acto para celebrar a superación dos 20 millóns de toneladas descargadas nas instalacións, que operan desde 2012, e a seguir incluíu unha visita ao primeiro túnel de acceso ferroviario, cuxa escavación acaba de completar o Ministerio de Transportes e cuxa entrada en servizo está prevista para o primeiro semestre de 2026.

Rueda lembrou que a construción das instalacións foi "unha aposta moi arriscada", que ata o de agora saíu ben, e espera "que siga crecendo con intelixencia". Expresou o seu desexo de que tanto o porto exterior da Coruña como o resto de Galicia se convertan "no gran hub das renovables", en especial en "todo o que ten que ver coa eólica mariña offshore".

Enerxías do futuro

"As industrias do futuro necesitan as enerxías do futuro, se non as teñen buscarán o seu futuro noutra parte", advertiu. Este é, na súa opinión, "o momento perfecto para poder facelo" e por iso demandou que Galicia non quede "fóra do hidroducto" de hidróxeno verde que a vai conectar con Europa, en concreto o tramo Zamora-Guitiriz.

O delegado do Goberno Pedro Blanco incidiu no "compromiso político e tamén empresarial" para desenvolver as instalacións. Tamén mencionou o "compromiso do Goberno" para dar "resposta ás demandas de Galicia", que se materializa no acceso ferroviario: "Esta é a maneira de construír o país", proseguiu. 

Ausencia da alcaldesa da Coruña

A alcaldesa da Coruña Inés Rey non asistiu e nun acto previo na Coruña asegurou que non o fixo porque, segundo ela, a súa intervención está "vetada" polo "Partido Popular nun evidente acto de campaña electoral", nunha actitude que chegou a cualificar de "misóxina". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade