O Xallas ameaza granxas e asolaga un albergue ao desbordarse en Mazaricos

A chuvia deixa 120 l/m² en Lousame e 110 en Santa Comba

Os refachos de vento chegan aos 114 km/h en Viveiro e máis de 90 en Cuntis e Vimianzo

G24.gal 13/11/2023 20:59 Última actualización 13/11/2023 21:15
Tiveron que abrir as comportas do encoro da Fervenza e o río Xallas rebordou en varios puntos de Dumbría e Mazaricos .  A primeira hora da tarde a auga entrou no albergue de Ponte Olveira, en Corzón.
 

"Tiñamos pensando tapar as portas con sacos de area pero xa non nos deu tempo", explican no negocio.

"A zona do bar está totalmente inservible, no albergue hai mobiliario estragado, pero ata que baixe a auga non podemos avaliar os danos", conta a xerente.

Preocupa que a enchente entre tamén en varias explotacións gandeiras. Un mes chovendo en Galicia e non semella que vaia parar. Faino, iso si, de xeito desigual. A semana comezou cun aviso laranxa por chuvias no oeste da provincia da Coruña, que este serán deixaba rexistros acumulados de 120 litros por metro cadrado en Lousame ou 105 en Santa Comba.
 

"Non paga a pena saír da casa, non hai nin feiras con tanta chuvia", explica unha veciña de Santa Comba.

No resto da provincia da Coruña e no interior de Pontevedra o aviso é amarelo. Pero tamén hai amplas zonas da costa, incluídas as Rías Baixas e A Mariña, en aviso por ondas e mar de vento. En Camariñas, Carnota e Baiona rexistráronse refachos de 80 quilómetros por hora e en Vimianzo e Cuntis de máis de 90. Pero o récord estivo no Penedo do Galo, en Viveiro, onde o vento chegou aos 114 quilómetros por hora.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade