Sospeitan que Pandolo puido despezar as vítimas na súa casa
Sospeitan que Pandolo puido despezar as vítimas na súa casa
A Garda Civil rexistrou este luns a casa familiar do delincuente na procura de novas probas
José Manuel Martínez Quintáns, alcumado Pandolo, matou presuntamente a Antonio Tuñas e Javier Iglesias
A busca de novas probas levou a Policía Xudicial da Garda Civil ata esta casa, a vivenda familiar de José Manuel Martínez Quintáns, máis coñecido como Pandolo. Está situada na parroquia de Alborés, no concello de Mazaricos, onde tamén vivía un veciño ao que presuntamente matou.
Era Antonio Tuñas, de 72 anos. O seu cranio e máis o fémur apareceron nun monte entre Mazaricos e Outes. Non eran de Tuñas un chándal e unhas bolsas de plástico con restos óseos que tamén apareceron alí. Pertencían á súa presunta segunda vítima: Javier Iglesias, de 50 anos e veciño de Culleredo.
Co primeiro, Pandolo mantiña unha disputa entre familias, co segundo tiña negocios vencellados co tráfico de drogas.
No rexistro a Garda Civil tomaría mostras biolóxicas que, de confirmarse que son das dúas vítimas, a investigación podería estar chegando á súa fin. A hipótese de que despezase alí os dous homes despois de matalos cobraría forza.
Segundo parece tamén inspeccionaron dous pendellos e un terreo situado detrás da casa dun dos delincuentes considerados máis perigosos de Galicia.