Os lobos atacan un grupo de ponis no concello de Mazaricos
Os lobos atacan un grupo de ponis no concello de Mazaricos
Dos cinco animais que sufriron o ataque, un morreu e tres quedaron feridos
Un ataque do lobo no lugar de Corveira, en Mazaricos, deixou un poni morto e outros tres feridos de diversa consideración. Nos últimos meses, tanto nesta zona como tamén nas comarcas de Outes e Negreira, os veciños notan un aumento dos ataques dos lobos.
Celestino e Benite case perden os ponis que tiñan nunha leira a pouca distancia da súa casa. Nin o pastor nin o valado metálico de máis dun metro de altura puido deter os lobos que atacaron os equinos. Un si morreu polas feridas no pescozo, pero por sorte os outros catro sobreviviron, tres deles quedaron feridos de gravidade. Nin eles nin os seus donos se recuperaron aínda do susto.
Os veciños de Mazaricos, Outes e Negreira están preocupados polo aumento dos ataques dos lobos. Hai constancia de varias mandas fixas de lobos nos montes da zona e na contorna do encoro da Fervenza.
Nas últimas semanas dous gandeiros denunciaron ataques a vacas, ovellas e cans da súa propiedade. Seguen reclamando máis axuda ás administracións públicas na súa loita por limitar ao máximo estes ataques.