Os lobos mátanlle tres vacas en pouco máis dun mes a un gandeiro de Santa Comba
Os lobos mátanlle tres vacas en pouco máis dun mes a un gandeiro de Santa Comba
O último dos ataques produciuse na madrugada deste xoves
Preocupación dun gandeiro de San Xoán de Grixoa, en Santa Comba, logo de perder tres vacas polo ataque dos lobos en mes e medio. Di que cada vez é máis frecuente ver estes animais pola zona, a escasos 50 metros das casas.
José Antonio sinala impotente a súa res que o lobo matou na madrugada do xoves. "Confirmáronme que fora o lobo. Atacouna por atrás e o animal intentou marchar e a escasos 4 ou 5 metros atacouna no pescozo".
Este é a terceira vaca que perde, en pouco máis dun mes, por ataques de lobos. Chega cada mañá preocupado co que se pode atopar pois, hoxe mesmo volveu ver o lobo na leira onde ten media ducia de vacas das máis de 150 que posúe, nun terreo a uns 50 metros de casas.
"Vas con ese medo: cantas vou atopar hoxe mortas? Un xa non está tranquilo", engade José Antonio que "dinme que teño que tomar medidas e pechar a parcela pero iso tamén implica outro gasto". E as axudas tardan en chegar, "teño que agardar ata xaneiro do ano que vén para solicitala deste animal e non sei se as van dar".
De novo ve como levan un dos seus animais mortos polos lobos e as axudas di, non chegarán ata case un ano máis tarde e a isto ten que sumarlle uns 7.000 euros de perdas na produción.