Cuarto ataque do lobo a un mesmo gandeiro de Grixoa, en Santa Comba
Cuarto ataque do lobo a un mesmo gandeiro de Grixoa, en Santa Comba
O gandeiro perdeu tres vacas e agora unha ovella duns 20 quilos, unha gran perda económica
Denuncian ataques cada vez máis continuos e máis próximos ás casas e piden batidas
A veciñanza comenta a última visita do lobo.
"Vistes, eu oín que eles non escapan moi 'largo'".
Non escapan, non! Sábeo ben José Antonio. Despois do terceiro ataque, cambiara os animais para unha leira no medio das casas pero o lobo volveu unha cuarta vez.
"Levo tres vacas e agora esta ovella, que debía pesar 20 quilos. Onte comeuna dunha sentada. Volveu esta noite pero podíalle quedar un quilo de carne, se lle quedou", comenta José Antonio Fariña, o gandeiro afectado.
"Dicían que onde comía, que volvía, pero eu non sei se volve ou non", aventura Lola, unha veciña que ten a leira pegada.
Vaia se volveu. A ovella apareceu morta onte á mañá e, á espera de que os técnicos autoricen a retirada, esta noite o lobo volveu para lamber os ósos. En máis de 70 anos que levan vivindo aquí en Grixoa, en Santa Comba, nunca viran nada igual.
"Eu non recordo de vir atacar. Por aí, pola zona do monte si que houbo lobos e hainos de continuo pero de atacar aquí nas casas, non", sinala con preocupación Manuel.
"Aquí á leira pensei que non viña o lobo. Animais agora non hai e se cadra fáltalle comida no monte", engade Lola.
O gando vive co medo no corpo, mentres o lobo campa ás súas anchas. Os gandeiros piden que se tomen medidas.
"Tratar de eliminar algúns, se hai moitos. Din que pechemos as leiras, que van saír axudas para pechalas pero poden sacar unha porcentaxe pero non é nada. Eu para metelas dentro non teño sitio. Tentarei pórlle algún fío de corrente máis a ver se salvo", explica o gandeiro.
Lamentan as perdas económicas pero, sobre todo, séntense impotentes porque dan por feito que o lobo ha de volver antes do que contan.