O xurado declara culpable de asasinato o acusado do crime de Oza-Cesuras

No veredicto o tribunal popular, por unanimidade, considera probados os feitos que se lle imputaban ao procesado

G24.gal 22/11/2023 17:56 Última actualización 22/11/2023 18:54

O xurado popular declarou culpable de asasinato este mércores o acusado do crime de Oza-Cesuras. A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña acolleu a lectura do veredicto do proceso, con xurado, pola morte o 15 de xaneiro de 2021 dun disparo na cabeza no seu domicilio de Oza-Cesuras dunha muller de 33 anos convalecente tras unha operación e ao coidado dun fillo de dous anos.

Na lectura, o xurado explicou que, por unanimidade, considera probados os feitos que se imputan ao acusado. Por tanto, sostén que é autor do asasinato da vítima, coa que tiña unha situación de superioridade, que portaba unha arma de fogo e que entrou na súa vivenda sen permiso.

Peticións de condenas das partes

A Fiscalía pedía 29 anos por asasinato, tenza ilícita de armas e violación de morada; a acusación particular solicitaba prisión permanente revisable, que modificou a 35 anos á vista dos feitos probados, e a defensa reclamaba unha condena polo roubo en grao de tentativa, de ata 3 anos.

Unha vez finalizado o ditame do xurado, a Fiscalía mantivo a súa idea de aplicar as "penas máximas" porque aprecia "intencionalidade, maldade e planificación".

A acusación particular, pola súa banda, lembrou que era unha "vítima especialmente vulnerable" e aumentou a petición de violación de morada, polo que en total pide 35 anos.

A defensa anunciou que estudará recorrer a sentenza, que ditará a maxistrada de acordo aos feitos probados, en instancias superiores.

Segundo o xurado, o acusado accedeu aquel día ao domicilio da vítima armado, perseguiuna ata que a atrapou e matouna cun disparo na cabeza. A motivación non entra no obxecto do veredicto, pero as acusacións cren que detrás está o feito de que a muller do acusado e o marido da vítima tiveran unha relación estreita, suficiente para o procesado como para separarse, e despois distanciáronse por problemas laborais.

Este conflito laboral implicaba tanto o marido da vítima como a parella do pai desta, ambos superiores xerárquicos da muller do acusado. O acusado, con todo, alegou en todo momento que fora a ese domicilio porque pensaba que non había ninguén e quería roubar para conseguir diñeiro e poder comprar drogas.

Segundo el, todo o fixo acompañado doutro home -que nunca apareceu e cuxa existencia descarta o xurado- e foi este quen executou o disparo mortal, pois alegou que nas súas mans nunca apareceron residuos do disparo, pero si doutros elementos

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar