Mondariz-Balneario, Ames e Oza-Cesuras; exemplos das particulariedades do mapa municipal galego
Mondariz-Balneario, Ames e Oza-Cesuras; exemplos das particulariedades do mapa municipal galego
Visitamos tres concellos con características especiais no primeiro ano de goberno tras as últimas eleccións locais
Cada un dos 313 concellos galegos ten as súas particularidades. A TVG achegouse ao único concello que queda en Galicia no que hai máis nacementos que mortes; visitamos tamén o que ten o territorio máis pequeno, e outro que se transformou tras a fusión de dous municipios. En cada un deles goberna unha cor política distinta.
Tranquilidade. É a palabra que máis repiten os veciños de Mondariz-Balneario para definir a vida neste concello. En extensión, é o concello máis pequeno de Galicia. Iso fai que a maioría de veciños se coñezan e que a xestión municipal sexa diferente. O alcalde, César Gil, matiza que
"dar eses servizos básicos non é tan complicado como en concellos con maior dispersión de poboación".
A natalidade é unha das características que destacan no concello de Ames, o único de Galicia onde o ano pasado os nacementos superaron as defuncións. Os veciños apuntan que é un bo sitio para criar os nenos. Blas García, Alcalde de Ames, destaca que "os servizos de conciliación municipal son a gran referencia e fixeron que viñese xente"
Oza-Cesuras xa superou unha década da fusión dos dous concellos. Con todo o alcalde, Pablo González recoñece que se manteñen diferenzas: "A xente de Cesuras ten o seu espírito de Cesuras, e a de Oza dos ríos, o seu. Despois existe unha entidade superior que é o concello de Oza-Cesuras". Esa identidade de cada municipio aínda se nota, se ben comparten servizos.
Estes tres concellos son unha mostra das diferenzas e peculiaridades que existen entre os 313 municipios de Galicia e que nesta xornada fan balance dun ano de mandato.