Os danos do cambio climático nas infraestruturas custarán mil millóns ao ano
Os danos do cambio climático nas infraestruturas custarán mil millóns ao ano
Un informe do Comité de Rexións da UE sitúa a Galicia entre as zonas con maior impacto dos fenómenos adversos
As catástrofes relacionadas co clima prexudican cada vez máis as infraestruturas. Galicia, segundo un informe recente do Comité Europeo da Rexións, será unha das zonas de Europa máis afectadas no futuro. Estímase que o impacto do cambio climático sobre as infraestruturas podería ter un custo de 1.000 millóns de euros anuais a finais de século.
"Desde a Xunta temos uns estudos sobre os escenarios climáticos, sobre como se van comportar os parámetros meteorolóxicos ata finais de século, para poder ir adaptando as infraestruturas e as redes enerxéticas", asegura Isaac Gómez, subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático da Xunta.
Na última década, os fenómenos meteorolóxicos extremos provocaron perdas económicas de 145.000 millóns de euros na UE.
Segundo este informe, cun aumento de 1,5º da temperatura mundial, a UE tería que investir 40.000 millóns de euros cada ano para protexer as súas rexións dos efectos nocivos do cambio climático.
A Lei galega do clima marcará como obxectivo que Galicia sexa neutra en emisións contaminantes no ano 2050. Para iso, as emisións de efecto invernadoiro deberanse reducir nun 57 %.