Os expertos aseguran que o cambio climático vai obrigar a reforzar as infraestruturas costeiras
Os expertos aseguran que o cambio climático vai obrigar a reforzar as infraestruturas costeiras
As borrascas extremas serán máis frecuentes e as ondas liberarán máis enerxía
Os expertos destacan a importancia de poñer en marcha sistemas de alerta temperá ante inundacións costeiras e enchentes nas concas fluviais
Ourense acolleu o seminario da Asociación de Comunicadores de Meteoroloxía
Unha das consecuencias máis importantes do cambio climático en Galicia será a suba do nivel do mar, o que vai facer que as inundacións costeiras sexan máis importantes e máis frecuentes.
"A variable máis preocupante de todos os factores que nos van afectar polo cambio climático en Galicia é o aumento do nivel do mar, polas inundacións costeiras que pode producir", explica Alejandro Andrade, xefe do Grupo de Predición e Vixilancia da Aemet.
Os escenarios futuros indican un aumento das borrascas extremas, cunha ondada máis violenta e con maior impacto nas infraestruturas costeiras.
"Cónstanos que os enxeñeiros de portos están preocupados por estas cuestións, porque teñen que deseñar as infraestruturas tendo en conta a climatoloxía, e se a climatoloxía cambia, se os períodos das ondas son cada vez máis longos, se as alturas son maiores e a duración máis prolongada, iso dana máis as infraestruturas e haberá que telo en conta no futuro", asegura Xoán Taboada, de Meteogalicia.
Para minimizar os danos, os expertos destacan a importancia de poñer en marcha sistemas de alerta temperá ante inundacións costeiras e enchentes nas concas fluviais. Un exemplo é o que desenvolveu a Confederación Hidrográfica do Miño en colaboración coa Universidade de Vigo.
"Ante un evento de inundación, se nós 24 horas antes sabemos que rúas van afectar, podemos tomar medidas con adianto e minorar os danos, tanto para a poboación coma nas infraestruturas", explica Diego Fernández, investigador posdoutoral do Grupo EPhysLab da Universidade de Vigo
Na cidade de Ourense as inundacións aumentarán un 30 por cento a finais de século. Son datos que se deron a coñecer no seminario da Asociación de Comunicadores Meteorolóxicos que se celebrou esta fin de semana en Ourense.