Os migrantes trasladados desde as Canarias permanecerán arredor dun mes en Galicia
Os migrantes trasladados desde as Canarias permanecerán arredor dun mes en Galicia
En total serán aloxadas 416 persoas, a maioría en Sanxenxo
Fabiola García: "Pedímoslle ao Goberno lealdade institucional para afrontar a crise migratoria"
En Galicia xa está aloxado un grupo de arredor de vinte inmigrantes entre Vigo e A Coruña. A semana que vén chegarán preto de catrocentos, deles corenta serán trasladados ao concello de Sobrado dos Monxes, e 350 a Sanxenxo. Segundo o Goberno central, a maioría son maiores de idade e estarán na comunidade arredor dun mes.
O Goberno galego denuncia que os traslados non están sendo coordinados coa Xunta e lamenta a falta de información.
O Ministerio de Migracións está en contacto cos albergues para buscar aloxamento para os inmigrantes. En Galicia os establecementos agardan para coñecer o número de prazas necesarias.
A repartición de inmigrantes continúa por outras comunidades, en Medina del Campo xa están instalados cento cincuenta. O Goberno de Castela e León dálle 48 horas ao ministerio para que convoque unha reunión para planificar os traslados.
Pola súa banda, o presidente do Partido Popular acusa o Goberno de Pedro Sánchez de improvisación na xestión da crise migratoria.
No que vai de ano chegaron ás Canarias 23.000 inmigrantes, un 80 por cento máis ca no 2022. Nestes momentos, os servizos asistenciais e as prazas de acollida do arquipélago están colapsadas.