Paula Prado (PPdeG): "O BNG segue a ser o partido do non"

A secretaria xeral do PPdeG di que os nacionalistas pensan "única e exclusivamente na independencia e nos seus intereses partidistas"

G24.gal 03/12/2023 22:05

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, contrastou este domingo a "debilidade" que mostran os partidos da oposición en Galicia coa "fortaleza" dos populares baixo o liderado de Alfonso Rueda que, segundo dixo, ten "un proxecto claro" e con "medidas concretas".

Segundo Prado, o PP conta co apoio da xente, tal e como se demostrou na cea do Nadal deste sábado na que Rueda congregou máis de 2.000 persoas.

En contraposición, asegura que o BNG só pode ofrecer "unha candidata que leva 20 anos no Parlamento de Galicia nos escanos da oposición e uns postulados independentistas que non cambiaron en 40 anos e que nada teñen que ver coa realidade de Galicia".

"O BNG sigue sendo o partido do non e, por moito que se vistan con traxes de moderación, ninguén compra o seu discurso", declarou Prado, que puxo como exemplo do seu "radicalismo" a ausencia do seu único deputado no Congreso durante o discurso do Rei esta semana.

Ademais, criticou o Bloque por pensar "única e exclusivamente na independencia e os seus intereses partidistas". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade