Podemos consulta á súa militancia sobre o apoio á investidura de Pedro Sánchez

A consulta realizarase entre o 11 e o 14 de novembro

Ione Belarra critica que Sumar non escoitase as súas propostas

A líder do partido morado amosou a súa preocupación polo rumbo que está a tomar o PSOE

G24.gal 10/11/2023 16:54

Podemos preguntará á súa militancia se apoia a investidura de Pedro Sánchez mediante unha consulta que se celebrará entre os días 11 e o 14 de novembro. A consulta realizarase porque "non existe" ningún acordo entre PSOE e Podemos, nin pragmático nin de Goberno, segundo destacou a líder de Podemos, Ione Belarra, nunha conferencia de prensa.

A ministra en funcións de Dereitos Sociais e Axenda 2030 asegurou que só atende á decisión de se Podemos "apoia ou non" a investidura de Pedro Sánchez. Deste xeito, o partido morado volve desmarcarse de Sumar, que xa subscribiu un acordo de Goberno co Partido Socialista para seguir en coalición. Belarra asegura que "ningunha" das súas cinco propostas foi atendida por este último partido.

O pacto asinado este xoves con Junts asegurou, segundo indicou Belarra que "todo o mundo sabe que o PSOE non fai a amnistía por convicción, senón por obrigación". "Estou preocupada polo rumbo do PSOE, está a ser irresponsable renunciando a contar con Podemos na construción do bloque. Quero lembrarlles que a xente lles votou para algo máis que para facer amnistías. A xente está a esperar que fagamos algo cos prezos", remarcou.

A ministra en funcións pediu ter "consciencia de bloque" para facer fronte ás dereitas, destacando que só Podemos está a pensar máis aló dos seus intereses partidistas.

A consulta comezará o sábado 11 de novembro ás 10 horas e rematará o martes 14 de novembro ás 22 horas as bases de Podemos poderán responder na páxina web á seguinte pregunta: "Debemos as/os deputados de Podemos apoiar a investidura de Pedro Sánchez?". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade