Trece anos vivindo baixo a humidade dun tellado novo
Trece anos vivindo baixo a humidade dun tellado novo
Veciños dos catro portais dun edificio de promoción pública da Coruña denuncian a pasividade do IGSV para arranxar o problema
Na novena planta a humidade nas vivendas chorrea polas paredes e levanta o chan
No edificio de catro portais da rúa Ribeira Sacra, do 15 ao 21, no barrio do Novo Mesoiro hai 160 vivendas. Ocupáronse a partir 2010 e xa daquela empezaron a facerse evidentes os problemas de humidade nos pisos máis altos. As filtracións cando chove son de tal calibre que os veciños din que é "o outro acuario da Coruña". Nas vivendas da novena planta conviven con cuartos completamente estragados pola humidade, desde os teitos ata as paredes e os chans.
A comezos deste ano, o IGVS, que aínda é o propietario de máis do 70 % destas vivendas de promoción pública, comprometeuse a executar a reparación da cuberta. Pero dez meses despois a obra segue sen facer e os veciños decidiron organizarse para denunciar publicamente a situación e pedir unha intervención urxente porque nalgúns puntos a humidade xa chega ata os portais de entrada.