Un coche bomba estala na fronteira dos EUA co Canadá e deixa dous mortos

Malia as primeiras sospeitas, autoridades estadounidenses descartaron que os feitos tivesen un móbil terrorista

Fox News asegura que os falecidos eran os ocupantes do vehículo

Ponte Rainbow (Reuters) Ponte Rainbow (Reuters)
G24.gal 22/11/2023 20:37 Última actualización 23/11/2023 06:35

Un vehículo explotou na fronteira entre os Estados Unidos e O Canadá, concretamente na ponte Rainbow, á altura das Cataratas do Niágara. O suceso terminou con dúas persoas mortas, que, segundo asegurou Fox News, serían os dous ocupantes do vehículo. Tamén hai un axente fronteirizo ferido leve.

Malia as primeiras sospeitas ao redor dos feitos, e mesmo a cualificación de "ataque terrorista" do líder da oposición canadense Pierre Poilievre, autoridades de Nova York descartaban horas despois un móbil terrorista na detonación. 

Así o confirmaron a gobernadora do Estado Kathy Hochul e a responsable da loita contra o terrorismo da Policía de Nova York Rebecca Weiner.

O vehículo dirixíase cara á ponte aumentando a velocidade, derrubou un valo de separación entre os dous sentidos e foi daquela cando tivo lugar a explosión. O Niagara Gazette non precisa que fose un coche bomba.

A ponte foi pechada en ambos os sentidos, e tamén outras tres pontes próximas entre Canadá e  os EUA, como medida de precaución. O FBI investiga o incidente utilizando mesmo drons que sobrevoaron o lugar.

Os feitos ocorreron ademais na véspera dunha xornada festiva, coa celebración do Día de Acción de Grazas, o cal provoca numerosas viaxes entre os Estados Unidos e O Canadá. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade