Un incendio deixou sen vivenda unha familia de Monforte
Un incendio deixou sen vivenda unha familia de Monforte
Malia a rápida intervención dos bombeiros, o lume propagouse con rapidez
As lapas destruíron o salón e o tellado da casa, que quedou inhabitable
Unha familia monfortina quedou sen casa debido a un incendio. O lume puido iniciarse nunha cheminea de leña, de onde se propagou ao faiado e mais ao salón, onde ardeu todo o mobiliario.
Ao veren que saía lume polo tellado, os veciños alertaron os bombeiros, que chegaron en cuestión de minutos.
Vicente Simón, sarxento dos bombeiros de Chantada: "Chegou moi rápido unha dotación de tres bombeiros, e viron que era unha vivenda unifamiliar afectada sobre todo no salón, e viron que o lume podía provir dunha cheminea acesa".
As lapas deixaron inhabitable a vivenda, unha casa tradicional de madeira situada nesta céntrica rúa dos Abeledos. A pesar da rápida intervención dos bombeiros do parque comarcal de Monforte, axiña quedou destruída parte da cuberta do inmoble.
Nel residía unha familia, que por sorte non se encontraba dentro cando se declarou o incendio. Tratábase dunha muller con dous fillos menores, que serán acollidos temporalmente por uns veciños.
Peor sorte correu a súa mascota, unha gata que morreu entre unhas lapas que se propagaron con moita rapidez.
Vicente Simón, sarxento dos bombeiros de Chantada: "A vivenda estaba restaurada, pero era totalmente de madeira. A cheminea debía de ter moita calor e propagouse ao mobiliario. Había sofás preto, e logo prendeu nos mobles e subiu ao teito, de taboíñas".
Ata o lugar tamén se desprazaron patrullas das policías local e nacional, que investigan agora as causas deste suceso.