Vitorias do Baxi Ferrol e do Ensino e derrota do Celta na Liga Feminina
Vitorias do Baxi Ferrol e do Ensino e derrota do Celta na Liga Feminina
Na Liga Feminina, terceira vitoria consecutiva do Baxi Ferrol. Sufrido triunfo ante un Bembibre que chegaba á Malata con pleno de derrotas e dominou a primeira metade. 30-38 no descanso e tres arriba as leonesas a 7 segundos do final. Angela Mataix meteu o primeiro tiro libre, lanzou a fallar o segundo, colleu o seu propio rebote e forzou a prórroga. O primeiro tempo extra rematou con empate a catro, así que houbo que xogar outra e nela o Baxi Ferrol acadou un parcial de 11-3 para levar o partido e colocarse en postos de play off.
Tamén gañou o Durán Maquinaria Ensino, que colle aire na parte baixa da táboa tras vencer na cancha do Cadi La Seu, segunda vitoria consecutiva do conxunto galego. Logo de tres cuartos moi igualados, as de Antonio Pernas sentenciaron nos derradeiros dez minutos, cun parcial de 9-19, lideradas por unha gran Laia Lamana, 13 puntos, 19 de valoración, a MVP do partido.
Segue sen gañar o Celta Zorka Recalvi que perdeu na casa ante o Araski, outro equipo que aínda non gañara. Marcharon ao descanso perdendo 24-40 pero chegaron a colocarse a dous puntos a pouco máis dun minuto para o final. Porén, Araski xestionou mellor a ansiedade e evitou que o triunfo quedase en Navia.